VÍDEO | Arde unha nave de residuos en Mazoi

Nave de residuos ardendo esta terza feira en Lugo. (Foto: Nós Diario)
O incendio forestal que afecta o municipio de Crecente (A Paradanta) arrasou xa 170 hectáreas, segundo a última estimación da Consellaría do Medio Rural.

Un incendio orixinouse esta terza feira no lugar de Cacabelos, en Mazoi, no concello de Lugo, onde arrasa nestes momentos unha nave de residuos, provocando unha rechamante columna de fume.

Segundo informou o 112, os bombeiros de Lugo traballan agora mesmo na zona para apagar o lume e, sobre todo, evitar que se propague aos arredores, aínda que non hai vivendas perto.

Ademais, mobilizouse tamén aos bombeiros do distrito forestal, xa que ao redor das naves hai zona de monte. Tamén se desprazaron a Policía Local e a Policía Nacional e prealertouse Urxencias Sanitarias da Galiza-061.

Tamén fontes do Concello de Lugo confirmaron o acontecido nas redes sociais oficiais do consistorio, nun comunicado no qe agradecen o traballo das dotacións de bombeiros municipais que se trasladaron á zona para "lograr que o lume fose a máis". 

170 hectáreas queimadas en Crecente

Por outr aparte, o incendio forestal sen control que afecta o municipio de Crecente (A Paradanta) arrasou xa 170 hectáreas, segundo a última estimación da Consellaría do Medio Rural.

Medio Rural informa de que o lume, iniciado na tarde da segunda feira en tres focos simultáneos na parroquia de Angudes, está estabilizado desde as 14.40 horas, polo que segue sen darse por controlado. Nas tarefas de extinción participaron de forma acumulada: catro helicópteros, dous avións, 23 motobombas, dúas pas, 50 brigadas, 26 axentes e tres técnicos.

O alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, asegura que "non hai ningunha dúbida" de que o incendio iniciado en tres focos diferentes no municipio "foi intencionado". En concreto, este lume é o segundo de maior superficie queimada no que vai de 2024 na Galiza, por agora por detrás das 190 hectáreas queimadas polo incendio de Trabada (A Mariña) que tivo lugar en febreiro.