VÍDEO | Inventan un robot que pasa de estado sólido a líquido para atravesar reixas

O robot que pasa de estado sólido a líquido (Foto: WANG AND PAN ET AL).
O equipo creou o novo material de cambio de fase (denominado "máquina magnetoactiva de transición de fase sólido-líquido") incrustando partículas magnéticas en galio, un metal cun punto de fusión moi baixo (29,8 °C).

Realidade ou ciencia ficción? Iso é o que se está a preguntar moita xente nas redes sociais após a publicación dun vídeo no cal se pode ver un robot que pasa de estado sólido a líquido para atravesar unha reixa para despois voltar ao seu estado sólido orixinal.

Ademais de mudar de forma, os robots son magnéticos e condutores de electricidade. Os investigadores someteron os robots a unha carreira de obstáculos e probas de mobilidade e cambio de forma que superaron sen ningún problema.

O equipo creou o novo material de cambio de fase (denominado "máquina magnetoactiva de transición de fase sólido-líquido") incrustando partículas magnéticas en galio, un metal cun punto de fusión moi baixo (29,8 °C).

"As partículas magnéticas teñen dúas funcións", explica Carmel Majidi, autor principal e enxeñeiro mecánico da Universidade Carnegie Mellon.

"Unha é que fan que o material responda a un campo magnético alterno, de modo que se pode, por indución, quentar o material e provocar o cambio de fase.

Pero as partículas magnéticas tamén dan aos robots mobilidade e a capacidade de moverse en resposta ao campo magnético."

Isto contrasta cos materiais de cambio de fase existentes, que dependen de pistolas de calor, correntes eléctricas ou outras fontes de calor externas para inducir a transformación de sólido a líquido.

O novo material tamén presenta unha fase líquida extremadamente fluída en comparación con outros materiais de cambio de fase, cuxas fases "líquidas" son considerabelmente máis viscosas.

Mentres que os robots tradicionais son duros e ríxidos, os brandos teñen o problema contrario: son flexíbeis pero débiles, e os seus movementos son difíciles de controlar.

"Dotar os robots da capacidade de cambiar entre os estados líquido e sólido dótaos de máis funcionalidade", afirma Chengfeng Pan, enxeñeiro da Universidade de Hong Kong que dirixiu o estudo.