Xuízo do Alvia

[VÍDEO] 'Frankenstein-04155', o documental do accidente do Alvia que as vítimas piden emitir na televisión pública

O documental só foi emitido en 'TV3'. (Foto: Frankenstein-04155)
"O relato oficial que sinalaba como único culpábel o maquinista é falso e este documental demóstrao", sosteñen as vítimas nunha petición en 'Change.org' para que TVE o proxecte e que xa recadou máis de 65.000 sinaturas.

En decembro de 2015 vía a luz o documental Frankenstein-04155, que aborda o accidente do tren Alvia en Angrois partindo da premisa de que "unha traxedia nunca ten unha única causa". Esta peza audiovisual, que as vítimas consideran que reflicte a versión do suceso máis fiel á verdade, valeulle diferentes recoñecementos como o premio do público do Festival Cineuropa ou até nove candidaturas aos Goya.

Porén, a súa proxección nas canles de televisión pública queda aínda pendente, coa única excepción da catalá TV3, que o emitiu en 2019 e logrou unha audiencia de 537.000 espectadores e até 20,2% da cota de pantalla.

Esta cuarta feira, con motivo do inicio do xuízo, vítimas e familiares congregáronse no exterior do edificio da Cidade da Cultura de Santiago no que está a decorrer a vista portando televisores nos que se proxectaban fragmentos de Frankenstein-04155, acompañados dun cartaz promocional tachado coa palabra "censurado".

Canda elas e eles achegáronse a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a voceira da formación na capital galega, Goretti Sanmartín, quen reclamaron "xustiza" e lamentaron que "hoxe non estean comparecendo os ex ministros [José] Blanco e [Ana] Pastor".

Petición en Change

Aliás, até o momento máis de 65.000 persoas asinaron xa unha petición na plataforma Change.org para instar TVE a proxectar esta peza audiovisual co obxectivo "de que se saiba a verdade" en relación ao sinistro.

"O relato oficial que sinalaba como único culpábel o maquinista é falso e este documental demóstrao. Non podemos permitir que só paguen polo ocorrido os eslabóns máis débiles dunha cadea de neglixencias, que permitiron que o tren circulase sen a seguridade que se publicitara, entre outras cousas, por intereses políticos dos grandes partidos", expón a petición.

Quen escribe estas liñas é Asunción Ferreiro, promotora da campaña de recollida de sinaturas e nai dunha moza de 21 anos falecida no accidente. "Ninguén me vai devolver a miña filla, mais non penso parar de loitar até que se saiba a verdade", engade.

Avance do documental