As viaxes de Castelao, unha aplicación para escolares

Que as crianzas poidan coñecer Castelao e interactuar coa súa obra dunha maneira divertida xa é unha realidade grazas á aplicación tecnolóxica As viaxes de Castelao, que pode descargarse de maneira gratuíta desde a web da Deputación de Pontevedra.

A Deputación de Pontevedra vén de lanzar unha aplicación educativa que ten como finalidade que o público infantil coñeza Castelao e interactúe coa súa obra de maneira lúdica. A través da ferramenta, poden crearse escenas, construír historias e resolver quebracabezas arredor das etapas vitais do escritor.

A APP permite, ademais, crear e compartir contidos xerados a través deste instrumento desde calquera recuncho do mundo. A aplicación, creada para tabletas e que estará dispoñíbel en IOS, xurdiu no contexto do Ano Castelao. Na presentación, á que acudiron máis de 30 persoas de centros educativos das distintas comarcas, Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua, puxo de manifesto que “introduciremos un recurso para a infancia co fin de que, a través das novas tecnoloxías e dun xeito lúdico, poida coñecer a figura de Castelao”.

O deputado nacionalista salientou que “este é o formato máis acaído para os tempos actuais, xa que responde a unha necesidade que estamos apreciando na sociedade”.

A aplicación foi creada pola empresa galega CreappContos.