Fernando Abilleira, enxeñeiro de orixe galega na NASA

"Unha viaxe tripulada a Marte? Cando a especie humana se plantexa unha meta, todo é posíbel"

Fernando Abilleira, no interior das instalacións do Jet Propulsion Laboratory en Pasadena (California)
O pequeno paso de Neil Amstrong sobre a superficie lunar agarda por unha secuela en Marte. Unha formidábel empresa científico-tecnolóxica está en marcha para a tornar realidade. Nas pesquisas previas traballa o enxeñeiro de orixe galega Fernando Abilleira, responsábel de operacións de voo da misión Insight, unha das oito que se viron coroadas con éxito desde os tempos da rivalidade entre os EUA e a URSS. Insight xa está a enviar información desde Marte e algúns primeiros dados evocan o mítico retrouso Houston temos un problema.

Após participar nas exitosas misións Curiosity (chegada a Marte, 2012) e Insight (2018), Abilleira traballa agora en Mars 2020. Obxectivo? Colocar un vehículo rover na superficie marciana para investigar se no pasado houbo vida bacteriana no que hoxé é un planeta aparentemente morto. A data de lanzamento para Mars 2020 é 17 de xullo de 2020. A aterraxe no astro vermello está prevista para 18 de febreiro de 2021.

Mars 2020 levará aplicacións para producir osíxeno a partir do dióxido de carbono presente na atmosfera. Portará tamén un pequeno helicóptero que se podería tornar na primeira nave en voar nun planeta do sistema solar distinto á Terra, explica a Sermos Fernando Abilleira (Madrid, 1977) nesta entrevista feita vía correo electrónico, tal e como prescribe o protocolo da NASA que regula as relacións do seu persoal cos medios de comunicación. Abilleira, que a semana pasada estivo en Pontevedra convidado polo concello para pronunciar unha conferencia, traballa para a axencia norteamericana desde hai 18 anos. Actualmente desempeña as súas funcións no Laboratorio de Propulsión a Chorro [Jet Propulsion Laboratory].

-A sonda Insight aterrou en Marte o pasado 26 de novembro. A súa misión é estudar o interior do planeta vermello. Comezou a enviar informacións o pasado mes de marzo. Algunha sorpresa nos primeiros datos que se teñen recibido dela?

-O sismómetro SEIS detectou os primeiros terremotos en Marte, o de maior magnitude de 3.0. O penetrador HP3 alcanzou unha profundidade de 30 cm e ficou atascado. A equipa de operacións de superficie está a traballar para atopar unha solución a este problema, sendo que HP3 está deseñado para atinxir unha profundidade de entre 3 e 5 metros.

-Como responsábel de Deseño de Misión e Navegación e subdirector de Operacións de Voo, cal foi o maior reto que tivo que enfrontar á hora de programar a aterraxe da sonda?

-Dous dos momentos máis críticos foron o lanzamento e a aterraxe. Chegamos a Marte a uns 20.000 quilómetros por hora e para aterrar o vehículo suavemente na superficie, e de forma totalmente autónoma, requírese que todos os subsistemas funcionen perfectamente.

-Após o 50 aniversario da chegada do home á Lúa, a Administración Trump fixou como obxectivos para a NASA voltar a enviar unha misión tripulada ao noso satélite en 2004 e pousar por vez primeira un pé humano en Marte en 2033. Non poucos científicos expresaron o seu escepticismo e dubidan que se poda chegar ao planeta vermello tan cedo...

-O programa tripulado de NASA está xerido polo Johnson Space Center en Houston. Os planos actuais son voltarmos á Lúa para a utilizarmos como un "campo de probas" visando probar a tecnoloxía necesaria de modo a mandarmos unha misión tripulada ao planeta vermello nun futuro. Temos desafíos técnicos e orzamentarios nos próximos anos, mais cando a especie humana se plantexa unha meta, todo é posíbel. O administrador de NASA, Jim Bridenstine, dixo que voltaremos á Lúa e que desta vez o faremos de xeito sustentábel, para ficarmos. E farémolo en colaboración cos nosos socios internacionais [entre eles, o Estado español].

-Cal é o maior desafío dunha misión tripulada a Marte? O científico-tecnolóxico ou o orzamentario?

-Ambos e os tecnolóxicos son tremendamente complexos. Aterrar módulos de varias decenas de toneladas métricas no planeta vermello, necesarios para unha misión tripulada, supón o desenvolvimento de nova tecnoloxía. Nos últimos anos tense avanzado neste aspecto, mais fica moito traballo por diante. Tamén a NASA está a desenvolver o foguete SLS que terá, na súa versión máis avanzada, maior capacidade do que o foguete Saturno, o que se empregou para enviar as misións tripuladas á Lúa.

-Canto tempo se empregaría nunha viaxe tripulada?

-Dependendo da estancia en Marte, estamos a falar de entre ano e medio (para estancias curtas) e dous anos e medio (para estancias máis longas).

-Como se prepara psicoloxicamente alguén para asumir unha misión que obviamente envolve un risco para súa vida?

-Esa pregunta non entra dentro da miña área de especialización.

-Ten sentido enviar humanos no canto de robots a Marte? Que poden facer aqueles que non podan facer estes?

-A colaboración entre humanos e robots é fundamental. Os robots poden facer tarefas que os humanos non poden facer e os humanos poden resolver problemas para os que os robots non están deseñados. O poder improvisar unha solución é algo que os robots non poden lograr.

-Que lles diría a quen pensa que antes de colonizar outros planetas, a Humanidade debería plantexarse asegurar a habitabilidade da Terra e a propia supervivencia da nosa especie?

-O traballo que realiza a NASA non só axuda a aumentar o noso coñecimento sobre o noso lugar no universo ou sobre a propia Terra, senón que tamén desenvolvemos tecnoloxía que ten aplicacións no día a día... desde as microcámaras nos telefones móbeis até o leite de fórmula para bebé teñen as súas orixes en enxeños concebidos pola NASA.