Sen vías para vacinarse contra a gripe

Unha enfermeira inxecta a vacina da gripe a un paciente no inicio da campaña (Iñaki Berasaluce / Europa Press).
As vacinas da gripe seguen sen chegar aos centros de saúde. Dez días despois das primeiras queixas de pacientes e sanitarios, a subministración non se resolveu. Hai carencias para atender a demanda das doentes, máis alta que outras campañas. Malia o chamamento de Sanidade á poboación sa para que atrase a súa vacinación, persoas de risco non teñen acceso a unha vacina.

Perto de 400.000 galegos e galegas vacináronse contra a gripe nas dúas primeiras semanas da campaña impulsada pola Consellaría de Sanidade. Case 125.000 persoas máis que á mesma altura do período de vacinación anterior, explicou o xefe do servizo de control de enfermidades transmisíbeis da Xunta, José Antonio Taboada. O avance coincidiu co auxe da denuncia pública, por parte de usuarias e profesionais sanitarias, da falta de abastecemento de doses suficientes nos puntos de vacinación autorizados para atender a demanda da poboación.

A demanda, disparada

O temor da poboación a contaxiarse da gripe nun momento en que a incidencia desta nova enfermidade aumenta e ameaza con complicar a saúde das persoas máis vulnerábeis encontrou acougo no chamamento xeneralizado que fixeron as autoridades sanitarias a reforzar a vacinación. Tanto dos grupos de risco como da poboación sa, disposta a vacinarse para mellorar o control da gripe fronte a Covid-19.

O medo disparou a demanda. A resposta da cidadanía superou as expectativas da Administración galega que, ademais de confirmar unha "cobertura excepcional" da poboación e do persoal sanitario no inicio da campaña antigripal tamén recoñeceu algún "problema puntual" no caso das vacinas para menores de 65 anos. Como xa lle avanzara a Nós Diario, José Antonio Taboada, referiuse a un desabastecemento ocasional deste tipo de inxeccións en puntos de vacinación concretos, mais defendeu que en ningún momento se produciu unha "rotura da subministración".

Neste sentido, desde a Consellaría de Sanidade sinalaron as persoas responsábeis dos stocks de cada centro de saúde. O pasado 28 de outubro, Taboada lembrou que o rexistro de vacinas é un requisito necesario que ademais de funcionar como indicador das doses que se administran tamén serve de referencia para futuros pedidos, xa que non se subministran novas doses até que se rexistra 60% das recibidas. "Se non se rexistran, hai múltiples factores de responsabilidade persoal, de mala xestión, que poden levar a que un centro quede desabastecido dunha vacina, pero iso non quere dicir que o sistema non  a teña para subministrar", concluíu.

Escaseza real

Tras estas acusacións, as primeira en reaccionar foron as plataformas en Defensa da Sanidade Pública Galega. Aseguran que a escaseza de vacinas é real após unha solicitude xeneralizada, tamén de moitas persoas sas. Urxen ao Goberno galego a asumir a súa propia responsabilidade ante unha xestión ineficaz da campaña da gripe.

Desde a plataforma compostelá, José María Dios Diz, mantén que á carencia de vacinas para menores de 65 anos agora hai que sumar xa a das que se lles pon ás persoas maiores. "A situación agravouse e non sabemos nin cando nin como se vai resolver. Non se entende que a Administración faga un chamamento masivo á vacinación sen prever unha resposta tan contundente. E hai formas de facelo, programando unha vacinación por fases que dea prioridade aos grupos diana", facilitando a planificación aos traballadores e garantindo a subministración das doses necesarias.

"A falta de vacinas é real", responden tamén á Xunta desde o centro de saúde Valle Inclán de Ourense. "E hai albarás que o demostran", engaden. "Os responsábeis de realizar os pedidos esforzámonos moito para conseguir o número de doses necesarias, pero o abastecemento foi mínimo".

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]