Viana do Bolo, con -6,4ºC, lidera unha xélida noite na Galiza

Na imaxe, unha familia tenta avanzar nun camiño tomado pola neve en Pedrafita do Cebreiro, que marcou outro dos mínimos desta noite, con -4,4 graos. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A circulación é fluída, mais con pequenas retencións, na estrada N-642, que a pasada sexta feira sufrira un corte, no treito que discorre entre Burela e Foz, pola deterioración da vía derivada dunha fochanca que ocasionara unha balsa de auga.

O paso dos temporais da última semana deu lugar a un anticiclón que predonima na Galiza e que deixou xeadas por todo o territorio, con temperaturas baixo cero en boa parte do interior. Así, Viana do Bolo foi o municipio que, durante a noite, fixo descender o mercurio máis abaixo, cun rexistro de 6,4 graos baixo cero.

Aliás, os municipios de Baltar, Verín e Xinzo de Limia rexistraron temperaturas baixo cero, con -5,8, -5 e -4,7 graos, respectiamente. Pola súa parte, e sempre falando de termómetros situados en localidades por baixo dos 900 metros sobre o nivel do mar, en Sarria o termómetro situouse nos 5,2 graos baixo cero.

No que atinxe, noutra orde, ás estacións que están a máis de 900 metros, A Mezquita tivo un rexistro de -4,8 graos, idéntico ao da Veiga. En Pedrafita do Cebreiro, o termómetro baixou até os 4,4 baixo cero; mentres que o medidor de Cabeza de Manzaneda rexistrou -3,9 graos e o de Vilariño de Conso, -3,7 graos.

Segundo informa Meteogalicia, para esta terza feira hai aviso amarelo por baixas temperaturas no surleste do país, entre as 00 horas e as 9 horas da mañá, por temperaturas inferiores a 4 graos negativos.

Pequenas retencións na N-642

A circulación na N-642, que sufrira un corte entre os puntos quilométricos 41 e 44 por unha importante deterioración da vía, foi na primeira hora desta segunda feira máis fluída do esperábel, con retencións duns dez minutos ou menos. Fontes da Policía Local de Burela confirmaron a Europa Press que —polo de agora— non se rexistraron inconvenientes e que observarán se ao mediodía, entre as 14 e as 15 horas, hai máis atascos ao ser hora punta.

Á última hora da tarde deste domingo habilitouse un carril da N-642, regulado por un semáforo, para que o tráfico poida circular por, cando menos, unha parte da vía —tal e como avanzou Nós Diario— que permanecía cortada ao tráfico desde a noite da sexta feira, entre Burela e Foz, debido a unha fochanca producida por unha balsa de auga polas fortes choivas caídas nos últimos días.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, desprazouse a última hora da tarde do domingo até o punto para comprobar o estado das obras e coñecer como se ía desenvolver a habilitación deste carril. Os condutores que van desde Burela en dirección a Foz continuarán pasando polo carril que lles corresponde, mentres os que chegan desde Viveiro, que veñen pola variante, terán que chegar ao semáforo e facer un stop. Así mesmo, os que circulan desde Foz deberán pasar polo semáforo para incorporarse á variante.

Llano, con todo, afirmou que a vía abriu coa "garantía de seguridade de que se pode pasar", pero ao mesmo tempo sinalou que se debe "seguir traballando", xa que "onde se produciu a avalancha hai que reparalo canto antes". A subdelegación do Goberno español en Lugo afirmou que o Executivo "continúa traballando intensamente con medios materiais e humanos porque é unha prioridade coñecer o alcance da situación para dar cando antes coa mellor solución".

A subdelegada, Isabel Rodríguez, agradeceu nas últimas horas o "esforzo e implicación" do Ministerio de Transportes para "dar unha resposta inmediata á cidadanía", así como ao resto de administracións que "colaboraron para reverter esta situación cando antes".