Reabre o tramo cortado da N-642 en Burela

O sistema de regulación semafórica xa está instalado na N-642, en Burela. (Foto: Nós Diario)
O Ministerio de Transportes habilitou un paso provisional regulado con semáforos.

Técnicos do Ministerio de Transportes reabriu nesta tarde de domingo o tramo da estrada N-642 cortado entre Burela e Foz (na comarca da Mariña Central) desde a mañá deste sábado, 21 de xaneiro. Segundo puido saber Nós Diarioa estrada reabriu de maneira provisional cun sistema de regulación semafórica.

A estrada N-642, que une os municipios da Mariña, permaneceu cortada ao tráfico á altura do acceso a Burela desde Foz desde a mañá deste sábado debido a unha fochanca producida polas fortes chuvias caídas na zona nos últimos días cos temporais Gerard e Fien.

A estrada que vertebra os concellos da Mariña

A N-642 é a vía que conecta os concellos das comarcas da Mariña Occidental, Central e Oriental. Nestas dúas últimas os efectos do corte producido este sábado foron máis sentidos, aumentando un traxecto como é o de Foz a Burela, cunha duración normal de 10 minutos, a 80 minutos. 

O corte producido polas abundantes chuvias que as borrascas Gerard e Fien trouxeron a semana pasada paralizaba a actividade do porto de Burela, terceiro porto en facturación de toda a Galiza, e afectaba de maneira significativa o acceso á fábrica de Alcoa, en San Cibrao (Cervo).

Dificultaba da mesma maneira o acceso ao Hospital da Mariña (Burela). Ao longo do domingo habilitouse un paso para as ambulancias, pero as usuarias e os usuarios particulares seguían obrigados a realizar un traxecto de 80 minutos para poder acceder ao centro hospitalario.