Centos de persoas esixen á Xunta que tome conciencia da 'emerxencia nacional' que supón a emigración

Concentración de Vía Galega na Coruña

A plataforma 'Vía Galega' mobilizou a centos de persosa nas concentracións que levou a cabo en 46 municipios de toda Galiza baixo o lema 'Non Emigramos. Expúlsannos'.

Decenas de persoas concentráronse en 46 municipios de toda Galicia para esixir á Xunta que tome conciencia da problemática da emigración como un asunto de "emerxencia nacional". As protestas estaban convocadas pola plataforma social 'Vía Galega'.

Así, co lema 'Non Emigramos. Expúlsannos', numerosos simpatizantes déronse citas nas rúas e prazas da Coruña, Celanova, Carballo, Lugo, Santiago de Compostela ou Vilagarcía de Arousa, entre moitos outros, de forma simultánea reclamando "soberanía para crear traballo digno".

O colectivo denuncia as consecuencias da subordinación na que se atopa Galicia, materializadas a través da "destrución da base produtiva", o desemprego, a precariedade e que levan a miles de mozos galegos a marcharse a outros territorios "por non poder desenvolver a súa vida aquí".

Sangría poboacional

No últimos dez anos foron máis de 216.000 as persoas de entre 16 e 54 anos que emigraron, das cales case 80.000 foron mozas con entre 16 e 29 anos. Por iso, reclamaron á Xunta que atenda "con urxencia na súa axenda" a importancia de "porlle freo á sangría poboacional" e garantir a defensa tanto da base produtiva como dun emprego digno e de calidade.

O colectivo levou a cabo mocións ante os 313 concellos galegos, así como ao Parlamento galego para esixir políticas encamiñadas a estes obxectivos.