Lazos migratorios que nunca rompen

Manifestación en favor das persoas emigrantes retornadas
En vésperas do Día internacional das persoas migrantes, que se celebra cada 18 de decembro, Sermos Galiza afonda nas características dos movementos da emigración galega actual, que teñen particularidades a partir da crise socioeconómica que trouxo a década, pero que manteñen desde hai sete décadas un destino preferente, que os diferencia dos do resto do territorio 
estatal: Suíza.

Os datos estatísticos sobre movementos migratorios debuxan un escenario que, nos últimos anos, e após o momento álxido da crise, tenden á "diversificación" dos perfís e a "ralentización, máis que rebaixa" das saídas desde Galiza cara ao exterior. As observacións fainas Antía Pérez Caramés, doutora en Socioloxía pola Universidade da Coruña, docente e membro do equipo de investigación en Socioloxías das Migracións Internacionais. 

As cifras do Instituto Galego de Estatística correspondentes a 2018 (as últimas publicados) apuntan que 11.168 persoas marcharon nese ano de Galiza ao extranxeiro e 19.198 movéronse a territorio estatal. As taxas, segundo as táboas estatais, sitúanse nas 34,7 persoas por cada 10.000 habitantes, no caso das saídas internacionais desde Galiza –cifra algo inferior á de 2017 e similar ás de 2016 e 2015– e de 49,8 por cada 10.000 habitantes no movemento interautonómico. 

En canto á idade das galegas migrantes, a media sitúase nos 32,79 anos no caso das mulleres e dos 35,64, no dos homes, unha franxa de "relativa xuventude". Así o define a experta, que observa dous perfís diferenciados entre as menores de 30 anos –que buscan unha vía internacional para o seu proxecto de emancipación– e as persoas maiores desa idade, cunha dimensión menos temporal da súa saída que as do grupo máis novo por proxectos vitais máis estábeis e, en moitos, casos vinculados a sectores laborais sacudidos pola crise –caso do mundo académico e investigador– ou a profesións "globais", como as enxeñerías.

Reactivación pola crise

"O máis singular desta nova migración, a que comeza a partir da crise, é a súa diversidade no tipo de xente que marcha. Marcha poboación autóctona, galega, pero tamén persoas inmigrantes, ou descendentes de persoas migrantes, que pola crise volven ao seu país de orixe ou marcha a un terceiro. Eses movementos, que non sempre se fan notar, tamén forman parte dos fluxos migratorios", puntualiza a investigadora, que está inmersa nun proxecto de investigación sobre esta nova inmigración.

 Dela destaca un destino que diferencia as persoas emigrantes galegas das do territorio estatal: Suíza. "É unha singularidade de Galiza, onde a trasfega migratoria con este país nunca se detivo. Hai movemento a partir da crise, pero se miras máis atrás, a relación migratoria é constante. Son lazos que nunca romperon desde os anos cincuenta e sesenta, que seguen vivos a través dos vínculos familiares e que coa crise se reactivan", resalta.

No resto de destinos de Europa, como son Reino Unido, Francia e Alemaña, os lazos son moito máis fébeis"

Consonte a esta valoración, os datos do Censo de persoas electoras residentes-ausentes que viven no extranxeiro (CERA) indica que máis dun terzo das españolas que residen en Suíza están censadas en Galiza, un total de 31.740 en 2015 (último ano rexistrado), 37,6% do total. 

A docente apunta que se trata "dun caso moi singular, o de Suíza", que levou ao seu proxecto investigador a facer traballo de campo no país helvético para o caso galego, mentres que para o resto de comunidades do Estado acoutouse aos destinos europeos máis recorrentes, como son Alemaña, Francia e Reino Unido

"Nestes, os lazos son moito máis fébeis, malia as vagas migratorias anteriores, mentres que en Suíza aínda é habitual ter familiares ou coñecidas", comenta Pérez Caramés. Alí, a elección non ven marcada por vinculacións persoais –agás no caso das Erasmus– senón por motivos máis relacionados con buscar destinos globais –Londres, París...– con mellor expectativa de emprego ou por cuestións idiomáticas.   

Unha lectura de xénero

As consecuencias da crise na emigración galega ten tamén unha lectura de xénero, coa reactivación do fenómeno das au pair, mozas que marchan ao extranxeiro a coidar crianzas na vivenda da propia familia co pretexto de aprender o idioma. Segundo apunta a profesora Pérez Caramés, esta suba no movemento de mulleres "moi novas" comparte características co das mulleres inmigrantes que chegan a Galiza para realizar traballos relacionados cos coidados para a terceira idade.

"Son traballos precarios, fortemente feminizados, vinculados aos coidados e bastante informais que, polo tanto, contribúen a precarizar e invisibilizar máis este tipo de empregos", observa, en alusión a que as condicións laborais son indeterminadas e as económicas, apenas permiten considerar esta ocupación un emprego.

A diferenza –matiza a investigadora– está na demanda, que no caso das au pair non está centrada no coidado de maiores, e no marco regulatorio, pois as mulleres inmigrantes que se insiren no réxime de traballo do fogar teñen moi difícil regularizar a súa situación, debido ás condicións "draconianas" de España neste eido, algo que non ocorre coas mozas galegas en territorio europeo.