Vía Galega reivindica unha 'memoria acesa' na conmemoración da Revolución Galega de 1846

Homenaxe floral aos Mártires de Carral no 177 aniversario da Revolución Galega de 1846. (Foto: Nós Diario).
A plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza realizou unha ofrenda floral en homenaxe aos Mártires de Carral.

Vía Galega conmemorou este sábado en Carral o 177 aniversario da Revolución Galega de 1846, a resposta contra o goberno conservador de Narváez e o rexeitamento a un modelo de Estado centralizador.

"Foi un dos acontecementos máis relevantes da nosa historia, a defensa dun novo rol para Galiza e a aposta por un sistema social e político mais xusto para as clases populares".

Segundo explica a plataforma social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza nun comunicado, as declaracións da Xunta Superior do Goberno de Galiza, convertida en Goberno do país durante uns días, pretendían recobrar a unidade territorial de Galiza para loitar contra a posición subordinada á que fora sometida a Galiza, política e economicamente.

Fusamentos e exilio

Aqueles feitos remataron co fusilamento en Carral de 12 oficiais e o exilio de Antolín Faraldo, entre outros, dando pé "xermolo e á primeira etapa do actual nacionalismo".

Nun acto ante o monumento aos mártires de Carral, Vía Galega rememorou os motivos e feitos da Revolución Galega de 1846 co obxectivo de "manter a memoria acesa", título do manifesto que pronunciou a escritora Marta Dacosta.

"Convocámonos aquí para render homenaxe a unha revolución que está na cerna do noso ideario", comezou, enumerando deseguido "palabras que os nosos precursores fixeron ondear".

Non son aliados posíbeis os que non só non cren en Galiza, senón que non a recoñecen e mesmo se avergonzan dela

Atribuíu a Antolín Faraldo expresións como "emancipación absoluta, abaixo regras e mestres, soberanía absoluta do escritor, liberdade de prensa de xeito que esta se converta no lugar de debate que nos acolla a todas e todos".

Un legado que en palabras de Castelao, dixo, "enterraban semente" e viron a luz "unha e outra vez".

"Hoxe, coma entón, non son aliados posíbeis os que non só non cren en Galiza, senón que non a recoñecen e mesmo se avergonzan dela. Hoxe, coma entón, o seu oráculo é a negación da nosa alma popular, a vergonza de teren nacido en Galiza, a intolerancia ideolóxica ou a submisión artística, lingüística ou non, á capital madrileña. Hoxe, coma entón, a súa doutrina sustenta os nosos detractores, mesmo que declaren o seu progresismo, ou un amor pola terra que traducen nun galego coma ti, que na súa prosodia e no seu léxico demostran a súa falsidade".

Unha nación que se nega a desaparecer

A escritora Marta Dacosta asegurou que "a pesar de séculos de desprezo e negación, da traizón, a nosa identidade segue viva, son, pois, uns imperialistas virachaquetas e fracasados".

Referiuse á Galiza como "unha nación que se nega a desaparecer", coa paciencia necesaria, identidade e idioma, afirmou.

"Resistimos e avanzamos sen cansar grazas á forza dos brazos que se alzan para recoller e portar esta chama, unha e outra vez. Porque esa é a forza do pobo. Soster colectivamente a memoria e o futuro, superando obstáculos e inclemencias, escoitando as palabras dos poetas que traducen a súa alma e os seus desexos", salientou antes de citar a Manuel María e a súa obra, onde reside, tamén "o que sentiron as persoas que hoxe homenaxeamos".

"A literatura ten esa virtude, permitirnos recrear o que sucedeu ou sucederá, colocarnos noutra vida, facernos sentir e revivir, impregnarnos desa memoria e conservala canda nós, para mantela acesa e agardar o momento de erguela coma unha bandeira e proclamar o dereito da República da Nación Galega".