Vía Galega reflexiona sobre o dereito á autodeterminación da Galiza

Coloquio Galiza nación, un pobo con dereitos organizado por Vía Galega o 14 de decembro en Compostela (Foto: Arxina).
Compostela acolleu hoxe o coloquio "Galiza nación, un pobo con dereitos" organizado pola plataforma Vía Galega e no que participaron Elvira Souto, Francisco Rodríguez e Suso Seixo.

O centro sociocultural das Fontiñas, en Santiago de Compostela, acolleu esta segunda feira o coloquio "Galiza nación, un pobo con dereitos", organizado pola plataforma Vía Galega e no que interviron Elvira Souto, Francisco Rodríguez e Suso Seixo.

"Para nós son obvias as razóns polas que Galiza debe exercer o dereito á autodeterminación. Mais hai moitas persoas no país que non o ven así de claro. Por ese motivo eu quixen reflexionar sobre as vías que mostran como se pode dar un maior benestar ao pobo galego, un mellor aproveitamento dos recursos. En definitiva, gobernar a nosa terra", explicou Souto a Nós Diario por teléfono minutos antes do comezo.

Suso Seixo, o segundo dos conferenciantes, estendeuse un pouco máis desde a outra beira do auricular. "Galiza foi durante séculos un reino e formalmente mantívose como tal até o século XIX, cando se produciu unha división por provincias. Desde ese mesmo século houbo movementos como o rexionalismo ou o provincialismo que reivindicaron dereitos e unha maior autonomía", arranca.

"Unha loita que continúa o nacionalismo no século XX e que persiste en todas esas organizacións que a día de hoxe reivindican que Galiza exerza ese dereito á autodeterminación", continúa Seixo. O histórico sindicalista, presidente da Fundación Moncho Reboiras e militante do BNG, ofreceu unha lectura da Galiza na chave das súas potencialidades.

"Calquera nación do mundo debe ter dereito a non estar condicionada por intereses doutras nacións. Máxime do caso da Galiza, un país colonizado, que cumpre a función de ser subministradora de enerxía, de aforros, de man de obra barata e de materias primas", argumentou pouco antes de falar ante o público.

Seixo alerta así mesmo do control cada vez maior de corporacións foráneas sobre sectores "chave" para o desenvolvemento da Galiza. Cita, entre outros, o naval e mais o enerxético. "Somos dos primeiros produtores de carne, leite, conservas ou subministracións enerxéticas. E, porén, contamos con salarios moi baixos e das pensións máis cativas", argumenta.

"Mais é fundamental ter claro que o dereito de autodeterminación temos que conquistalo, non vai vir regalado, hai que seguir loitando", conclúe.