Vía Galega dá a coñecer a orixe histórica do himno e da bandeira

Manuel Ferreiro e Xoán Costa debullaron o significado da bandeira e o himno nun acto moderado pola profesora Pilar Reino (Vía Galega). [Foto: Arxina]
Nós Diario entregará este sábado, 19 de novembro, a obra Símbolos nacionais de Galiza editada por Vía galega no marco da campaña que busca divulgar e popularizar a bandiera e o himno galegos.

"O himno e a bandeira represéntannos e identifícannos como Nación. Son a expresión do ser colectivo e da nosa existencia como Pobo e do dereito a existir libremente". A plataforma social Vía Galega xustifica no limiar da obra autoeditada Símbolos nacionais de Galiza a cerna da iniciativa que esta semana fai coincidir co 104 aniversario da I Asemblea Nacionalista Galega.

A organización chama a sociedade galega a coñecer, popularizar e exhibir os símbolos nacionais ante o desleixo da Xunta da Galiza "para con todo o que nos recoñece e nos fai galegos e galegas". Estes días propón engalanar xanelas, galerías e varandas coa bandeira azul e branca ademais de procurar a letra orixinal do himno, obra de Eduardo Pondal.

Ondear a bandeira galega e cantar a versión íntegra do poema Os Pinos é un convite ao que Vía Galega contribúe con material específico, gratuíto e accesíbel a través do seu portal web. Desde o inicio da campaña puxo a disposición do público unha copia do himno restaurado, a súa versión cantada, unhas 5.000 bandeiras e 12.000 exemplares da publicación Símbolos nacionais de Galiza, que este sábado Nós Diario entregará de balde canda o xornal.

Fai coincidir o agasallo co día en que terá lugar un izado "expansivo" de bandeiras galegas por todo o país, previsto para o día 19 ás 11.30 horas en lugares visíbeis onde poidan perdurar no tempo.

"Azul e branco"

"Visibilizar os nosos símbolos é necesario", afirma a este xornal Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza e estudoso da bandeira galega. É, ademais, coautor da obra Símbolos nacionais de Galiza xunto ao catedrático da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro, investigador e grande estudoso da obra de Pondal co que onte compartiu palestra no Museo do Pobo Galego. 

Costa centra neste volume a orixe da forma e dos contidos, "sobre todo das cores da bandeira que o Batallón Literario de 1808 portou á guerra contra os franceses". A partir de aí percorre o século XIX e a idea "de que algo azul e branco nos identifica", que se conforma en estandartes para orfeóns, a tuna universitaria e outras entidades "que poden levar no centro diferentes símbolos, desde a cruz de Santiago até unha lira.

É a partir de 1878 cando comeza a ondear a bandeira física que ten como elemento identificador algo "azul e branco", explica Costa. Os usos proliferan desde entón e dispáranse na recta final do século, cando diferentes cabeceiras xornalísticas reclaman en 1898 a presenza da bandeira da Galiza en actos públicos. "La Gaceta refírese ás festas de Corpus de Compostela. Quéixase de que só hai símbolos españois, polo que, como fai hoxe Vía Galega, convida os galegos a comprar e usar a súa bandeira".

Hoxe é a Lei de símbolos da Galiza de 1984 a que regula o uso da bandeira oficial, á que Costa suma a bandeira coa estrela vermella de cinco puntas cuxa orixe sitúa na contorna do ano 1975, promovida pola UPG, "a que máis utiliza o nacionalismo nos seus actos".

A mesma lei regula o himno, outro símbolo que o estudoso Manuel Ferreiro pide restituír de forma oficial. "Restaurar o texto verdadeiro, fidedigno, é unha obriga das institucións que nos representan a todos", defende.

"Non é só o himno é un poema dun dos nosos grandes"

"O himno é a expresión cantada da nación", afirma Ferreiro para destacar o labor de restauración pendente da súa letra orixinal por parte da Administración galega. Trátase, di, "de restaurar a vontade do seu creador, do poeta". Ferreiro destaca a conciencia de escritor de Eduardo Pondal, "un dos fundadores da patria desde o punto de vista literario".

Os manuscritos que conservou do texto do himno que escribiu a petición de Pascual Veiga en 1890 confirmaron "que ese texto foi mal transmitido desde a Habana entre 1905 e 1909". Chegou a Galiza con erros que se manteñen, por "desleixo ou non sei se por desprezo polos sinais de identidade do pobo, porque o himno non cambia porque se rehabilite o texto, por cantar 'vareloso clan' no canto de 'valeroso chan' ou restaurar as formas galegas 'ignorantes e férridos' que Pondal usou".

Ferreiro chama a atención sobre o descoido que amosa o sistema escolar cara a aprendizaxe do himno, "porque non é só que sexa o himno, é un poema dos nosos grandes da tríada do Rexurdimento", xunto a Rosalía e Curros.