Vía Galega continúa coa divulgación dos símbolos nacionais coa publicación dunha videorreportaxe

Integrantes da plataforma Via Galega na presentación da campaña 'Os símbolos nacionais da Galiza'. (Foto: Vía Galega)
A plataforma social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza dá o seguinte paso na súa campaña de promoción e divulgación dos símbolos nacionais coa publicación dunha videorreportaxe e cunha recollida de sinaturas para acadar a restauración do texto "fidedigno" no himno galego.

A plataforma social Vía Galega continúa a desenvolver a súa campaña expansiva para divulgar e promover o uso dos símbolos nacionais da Galiza: o himno e a bandeira. A plataforma considerou “relevante” difundir e propagar estes símbolos “para fortalecer a nosa autoestima”, porque “canta máis identificación se teña con eles máis avanzará a conciencia nacional para acadar a soberanía plena”.

Nesta liña, Vía Galega organizou xa diferentes actos de “afirmación patriótica” arredor da bandeira, coincidindo co 124 aniversario da Asemblea Nacionalista Galega, actos que se acompañaron cun izado de “numerosas” bandeiras en todo país. Editou ademais 12.000 exemplares dun opúsculo sobre a orixe, historia e significado da bandeira e do himno coa letra orixinal. Para isto contaron co estudo do himno de Manuel Ferreiro e para o da bandeira, con Xoán Costa.

A plataforma social ten en marcha unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) coa que pretende a “restauración do texto fidedigno” do himno galego e a súa difusión, para o que xa iniciaron a recollida das 10.000 sinaturas que, como mínimo, son as necesarias para a súa defensa no Parlamento da Galiza.

Lei de Símbolos de Galiza

O portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, lembrou que a Lei de Símbolos de Galiza leva 38 anos en vigor, malia o que “o noso himno segue interpretándose de maneira incompleta e a letra continúa sen corrixirse de acordo co texto orixinal composto por Eduardo Pondal”. Unha situación que considerou “insólita” a pesar de que o catedrático da Universidade da Coruña (UDC), Manuel Ferreiro, despois dunha investigación que cualificou como “grandiosa”, leva publicado distintas edicións da historia do Himno que reproducen a súa letra orixinal.

Por iso, para Vía Galega é necesario e urxente modificar a Lei de Símbolos para restaurar oficialmente a letra do noso Himno, tal e como foi creada por Eduardo Pondal. “Non hai razón nin xustificación posíbel para non emprender a súa restauración. Só desde o menosprezo da nosa historia e cultura se pode manter esta situación”, considerou Louzao.

O portavoz da plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza denunciou ademais o “desleixo e desprezo” da Xunta de Galiza para con “todo o que nos recoñece e  nos  fai galegos e galegas, fai  que teñamos que ser outros os que suplamos a súa misión e obriga de procurar a máxima propagación e  coñecemento  dos nosos símbolos nacionais” e concluíu que “queremos  ver ondear permanente as nosas bandeiras e entoar o noso Himno restaurado  como unión e afirmación patriótica dunha nación que camiña cara a súa liberdade”.

‘Os símbolos nacionais da Galiza. O himno e a bandeira’

A plataforma social Vía Galega, no marco da mesma campaña, editou un vídeo para explicar a situación actual deses símbolos, o himno e a bandeira. No audiovisual participan o investigador e catedrático de Filoloxía Galega da UDC Manuel Ferreiro, e Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza.