A bandeira da Galiza foi pendurada este sábado ao longo das comarcas do país

Os actos de izado da bandeira, promovidos por Vía Galega, tiveron como motivo a conmemoración do 104 aniversario da I Asemblea Nacionalista.
Acto de izado da bandeira galega este sábado en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Acto de izado da bandeira galega este sábado en Vigo (Foto: Nós Diario).

Na xornada deste sábado tiveron lugar diversos actos ao longo das comarcas da Galiza nos que se realizou o izado de bandeiras galegas. Estes actos, que se  desenvolveron en vilas e cidades de todo o país, tiveron como motivo a conmemoración do 104 aniversario da I Asemblea Nacionalista.

Desde Vía Galega explicaron que “se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen Estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia” sinalaron.

“A nosa bandeira é expresión da nosa existencia como pobo e do dereito a existir libremente malia termos un goberno galego que persegue, nega e oculta todo o que nos fai galegas e galegos. Hoxe, 19 de novembro, ondeamos a bandeira galega con orgullo, símbolo de identidade colectiva da nosa nación, que quere existir en pé igualdade co resto de nacións do mundo” concluíron.

“Temos que afirmar que  as nosas expectativas  víronse superadas”, explicou Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega, “e por tanto podemos valorar como un éxito a izada da bandeira, xa que en 151 concellos e en 205 lugares, hoxe, ás 11.30 horas ergueuse unha bandeira galega”. “En 41 lugares  acompañouse esta acción con diferentes actos  que consistiron en lectura de poemas alusivos á bandeira, actuacións musicais, e intervencións de representantes de Vía Galega.

Esta plataforma que aglutina máis de 60 colectivos sociais e culturais agradeceu a colaboración de 29 Concellos que facilitaron a localización, a autorización e o apoio loxístico para colocar a bandeira para que siga ondeando no futuro. “Temos, tamén, o compromiso doutros Concellos que, por diferentes motivos hoxe non a puideron colocar  mais que teñen previsto colocala nos próximos días”, engadiu. 

Na capital da Galiza, en Santiago de Compostela, o acto realizouse no alto do parque de Carlomagno, no barrio das Fontiñas, onde se leron poemas alusivos á bandeira e se interpretou o himno galego. No acto de izado da bandeira en Compostela participaron, ademais do portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, o alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo e representantes de todos os grupos da Corporación municipal. 

Anxo Louzao agradeceu ao Concello de Santiago de Compostela e ao seu alcalde, Xose A. Sánchez Bugallo, “pola súa disposición e colaboración que fixo posíbel que hoxe poidamos colocar esta bandeira neste emprazamento que se merece a bandeira galega”; ao gaiteiro Bieito Lobariñas que interpretou a Marcha do Antigo Reino de Galiza e o himno galego; e ás crianzas Aldara Lueiro Olveira, Mariña Louzao Ferro e Manuel de Cal Vidal que deron voz a tres poemas: “A Salve”, do Cancioneiro da loita galega de Florencio Delgado Gurriarán; “A bandeira”, do poemario As rúas do vento ceibe de Manuel María; e “En pé”, da publicación A terra asoballada de Ramón Cabanillas.

Os actos deste sábado encádranse na campaña de Vía Galega para promocionar e popularizar os símbolos nacionais da Galiza: o himno e a bandeira, cos obxectivos de dar a coñecer entre a poboación a súa xénese, historia e significado.

Froito desta campaña, durante esta semana organizáronse diversos actos con Manuel Ferreiro, catedrático da UDC e investigador da obra de Eduardo Pondal; e Xoán Costa, profesor e investigador da orixe da bandeira galega.

Pendurar a bandeira

Ademais, milleiros de bandeiras engalanan esta semana fiestras e varandas en vivendas e puntos visíbeis repartidos por todo o país con motivo da campaña de Vía Galega.

A plataforma animou á poboación galega a unirse á súa campaña Símbolos Nacionais de Galiza, o himno e a bandeira e pendurar a bandeira galega das varandas e xanelas das vivendas, ou en calquera outro lugar acaído do país.

Comentarios