Vía Galega chama a reivindicar “os dereitos nacionais de Galiza” este 25-X

(Foto: Arxina)

Pide que se participe nos actos organizados polo Día da Patria Galega e que se exhiban bandeiras e simboloxía en xanelas e varandas.

A Plataforma Vía Galega fai un chamado a participar nos diversos actos organizados para este 25 de xullo, Día da Patria Galega, para manifestarse en Santiago de Compostela en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, ademais de exhibir a simboloxía do país en xanelas, varandas e galerías durante esta semana.

Desde a plataforma, que agrupa máis de 65 colectivos sociais e culturais, anímase a pendurar a bandeira galega de fiestras, varandas e galerías nesta semana de celebración do Día da Patria.

Vía Galega avoga na súa programación pola ampliación da conciencia nacional para conseguir o recoñecemento do exercicio do dereito de autodeterminación, para que Galiza dispoña de plenos dereitos democráticos e liberdades colectivas e individuais.

“Quérese incrementar a plena capacidade política, sen subordinación a intereses alleos, para obter unha economía ao servizo do pobo galego que free o espolio dos nosos recursos, cree emprego de calidade e deteña a emigración, xunto con accións que normalicen a nosa lingua, cultura, deportes e ensino”.

O pasado mes de abril centos de persoas tomaron parte nunha mobilización convocada por Vía galega en defensa do dereito de autodeterminación.