mércores 19/05/21

Dereito de autodeterminación "para decidirmos nós sobre o noso"

A plataforma Vía Galega marchou este domingo polas rúas da capital co fin de recalcar que "Galiza é unha nación, un pobo con dereitos".

viagalega_18abril2021_laura-barcala
A marcha chegou até a Praza da Quintana, onde se deu lectura ao manifesto (Laura Barcala / Nós Diario)

"Galiza é unha nación. Temos dereitos. Fagamos ouvir a nosa voz", sinalaba a portavoz de Vía Galega María Xosé Bravo ao inicio da marcha que desde as 11.30 horas deste domingo, 18 de abril, percorreu as rúas de Compostela para reclamar o dereito de autodeterminación e "a necesidade de Galiza gobernarse por si mesma" e "das galegas e dos galegos seren donos dos seus destinos", tal e como apuntou o outro portavoz da plataforma, Anxo Louzao.

"Diante desta crise, económica, social e sanitaria que padecemos cómpren respostas galegas", incidiu Bravo. "Cómpre que os galegos e as galegas decidamos nós sobre o noso, busquemos nós solucións aos nosos problemas", engadiu.

"Iso é o que nos move ás case 70 organizacións e 1.500 persoas a título individual que quixemos hai tres anos crear esta plataforma. Para defender os intereses de Galiza. Para que alí onde se decida sobre o noso estea Galiza con voz e con voto para decidir sobre cuestións que son básicas. Iso é do que falamos cando falamos do dereito a decidir", concluíu a portavoz.

Os centos de persoas que participaron na manifestación ─máis de mil, segundo a organización─ marcharon desde a Alameda da capital galega polas rúas do centro compostelán até chegaren á Praza da Quintana. "Galiza é unha nación, un pobo con dereitos" foi o lema elixido e que se podía ler na faixa de cabeceira. E "Avante sen tregua, República Galega", foi un dos cánticos escoitados durante o percorrido, onde en todo momento se cumpriron cos protocolos anticovid-19.

"España é a nosa ruína", "Goberno aquí e non en Madrid", "Con soberanía, ninguén en minoría" foron algunhas das outras consignas cantadas na manifestación, en que participaron diferentes personalidades do nacionalismo, entre estes o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, ou o secretario nacional da CIG, Paulo Carril. Tamén estiveron as actrices Neves Rodríguez e Isabel Risco, e o escritor Suso de Toro.

Risco, precisamente, foi a encargada de conducir o acto final, que contou coa actuación musical de Jasper e Rodrigo Ramos. Tamén, coa intervención de María Xosé Bravo, en tanto que De Toro e Rodríguez. Deron lectura ao manifesto. Ao remate interpretouse o himno nacional.

Unha Facenda Galega

Así, María Xosé Bravo lembrou os inicios de Vía Galega en 2018 que, tres anos despois, é quen de xuntar e de organizar máis de 65 asociacións "que partillan que Galiza é unha nación, que temos dereitos como pobo e que debemos facer ouvir a nosa voz para construír unha república galega soberana, democrática feminista".

Fronte aos mecanismos de desprestixio deste país, de que Galiza é un país pobre e subsidiado polo Estado, Vía Galega "pon as contas claras" porque este é "un pobo rico cheo de xente traballadora que quere vivir do seu traballo e queremos responsabilizarnos".

Desta maneira, a portavoz reclamou ferramentas como "a posta en marcha dunha Facenda Galega", como instrumento esencial do novo modelo de financiamento. Tamén, dunha Tarifa Eléctrica Galega que baixe o prezo da enerxía e considere a electricidade como ben básico para a poboación; a recuperación das concesións dos encoros, en moitos casos outorgadas durante o franquismo; e unha verdadeira política de reindustrialización.

Fixo alusión ademais ao problema demográfico agudizado pola sangría da emigración "que afectou a 100.000 mozos e mozas desde a chegada de Feixoo ao Goberno da Xunta", e á necesidade de "defender nós os nosos intereses como a participación directa de Galiza na reforma da Política Pesqueira Común e na Política Agraria Común", advertiu.

"E fronte a eses que din que as nacionalistas non facemos máis que queixármonos e pedir, nós somos moi claras, moi rotundas: non pedimos nada a Madrid só queremos buscar nós as solucións para os nosos problemas, só queremos vivir do noso traballo", explicou. "Non queremos roubarlle nada a ninguén mais tamén temos o dereito a exixir que ninguén entorpeza o noso camiño, que ninguén nos roube o futuro".

"No conxunto do Estado español dáse o debate sobre o recoñecemento da existencia de distintas nacións e dos dereitos colectivos e máis cedo que tarde vai haber modificacións na estrutura territorial do Estado e Galiza ten que estar aí", afirmou.

Sobre a celebración do 40º aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía, María Xosé Bravo destacou que é "un corsé que nos impide resolver os problemas do presente, e non vai ser con reformas desa ferramenta como atopemos as respostas que este país precisa".

Idioma e cultura de seu

Pola súa banda, a actriz e comunicadora Neves Rodríguez destacou que Galiza é unha nación porque reúne todos os trazos que conforman unha unidade nacional. "O propio Castelao, no Sempre en Galiza, amósanos a condición nacional de Galiza, por ter idioma propio, territorio diferente, unha vida económica peculiar coa súa estrutura social diferenciada, hábitos psicolóxicos colectivos e unha cultura de seu", explicou.

"Como pobo temos dereito a autodeterminación, a decidir o noso futuro como galegas e galegos", engadiu.

Riqueza e potencialidades

E o escritor Suso de Toro emprazou a "decidir o noso futuro", pois tórnase "imprescindíbel para impedir o espolio e dispoñer dos nosos recursos e enerxía; para paralizar a eucaliptización do país e a contaminación do noso medio". A soberanía tamén é necesaria para poder combater con maior eficacia esta pandemia, para dispoñer do noso aforro, para dotármonos dun sistema financeiro público e propio, para gozar duns servizos públicos de calidade e para desenvolver a nosa base produtiva e os sectores estratéxicos da nosa economía, sinalou.

"Só con plena soberanía política, a riqueza, o excedente que xeramos e as grandes potencialidades do país estarán ao servizo de todos galegos e galegas", explicou o escritor. "Temos dereito e queremos responsabilizármonos do noso futuro como pobo para conseguir maior benestar social, rematar coa emigración, crear emprego digno e normalizar a nosa lingua e cultura". "En definitiva, para termos unha Galiza para construír unha sociedade libre, máis democrática, xusta e igualitaria", concluíu.

comentarios