As verteduras da mina de San Finx volven tinguir de laranxa o río Pesqueiras

Aspecto que presentaba o río Pesqueiras este domingo. (Foto: Nós Diario)
"Levamos moitos anos tentando enxuizar os responsábeis", sinalan desde Ecoloxistas en Acción a 'Nós Diario'.

O río Pesqueiras, en Lousame, presenta estes días unha cor laranxa froito das verteduras procedentes da mina —hoxe inoperativa— de San Finx, propiedade da multinacional Rafaella Resources.

Trátase, advirten fontes de Ecoloxistas en Acción a Nós Diario, de "metais pesados" que se acumulan neste río con desembocadura en Noia. As verteduras acháronse a escasos metros dunha présa de lodos.

"O río no verán leva pouca auga e os materiais precipítanse no fondo. Mais chegado outubro ou novembro aumenta o caudal e acaban no mar", subliñan as mesmas fontes.

Así se explica que nestes meses de calor e poucas precipitacións a auga deste río torne laranxa dunha forma tan facilmente visíbel. As verteduras, afirman, son frecuentes e estacionais.

"Levamos moitos anos tentando enxuizar os responsábeis", indican, a respecto das múltiples causas xudiciais abertas por mor das verteduras, nomeadamente, e perante as institucións comunitarias, desde 2016.

O pasado ano, de feito, Ecoloxistas interpelou a Comisión Europea —a través do grupo parlamentario dos Verdes en Bruxelas— para iniciar un procedemento de infracción contra o Estado español.

Cómpre lembrar que a mina está situada a escasos sete quilómetros do Esteiro do Tambre, un espazo protexido baixo o 'paraugas' da Rede Natura 2000. Aliás, debido á súa proximidade aos bancos marisqueiros da ría de Noia, as verteduras afectan tamén a actividade extractiva e pesqueira da zona.