A empresa propietaria das minas de San Finx e Varilongo colapsa na Bolsa

As accións de Rafaella Resources desplómanse no mercado bursátil australiano cando se atopa inmersa en diferentes procesos xudiciais.
Vista das instalacións da mina de San Finx, en Lousame, que a compañía Sacyr acaba de vender á australiana Rafaella Resources (Foto: Sacyr).
photo_camera Vista das instalacións da mina de San Finx, en Lousame, que a compañía Sacyr vendeu á australiana Rafaella Resources. (Foto: Sacyr)

A compañía multinacional Rafaella Resources, que controla as minas de San Finx (Lousame) e Varilongo (Santa Comba), vén de caer a mínimos históricos no mercado bursátil australiano cotizando por baixo dos catro céntimos de dólar australiano —pouco máis de dous céntimos de euro ao cambio—.

En 2019, após adquirir a mina de Santa Comba, as súas accións chegaron a quintuplicar o seu valor actual.

O colectivo Ecoloxistas en Acción pon o foco nesta cuestión: "A evolución bursátil de Rafaella Resources confirma a manobra de endoso do pasivo ambiental practicada por Sacyr, pois queda en evidencia que unha empresa descapitalizada e con cotizacións irrisorias é incapaz xa non só de explotar as dúas minas galegas, senón de facerse cargo da restauración e impactos ambientais que estas causan", advirte, nun comunicado.

Xa en xaneiro os ecoloxistas denunciaran que o traspaso de Sacyr a esta compañía, "ligada a un conglomerado opaco con sede en paraísos fiscais", formaba parte dunha "estratexia para fuxir das súas responsabilidades ambientais".

Trátase dunha explotación, subliñan, "que pon en risco millares de postos de traballo nos bancos de marisqueo da ría de Muros e Noia", que fican a escasos sete quilómetros de distancia.

Ao mesmo tempo, critican o "desleixo" da Xunta a respecto dos proxectos mineiros, que levaría a "repetir" o acontecido no Monte Neme, "onde foron as administracións as que tiveron que asumir os custos de restauración logo de anos de lucro e subvencións das concesionarias".

"O colapso burástil prodúcese cando Rafaella Resources se ve implicada pola maraña de procesos xudiciais que afectan ás minas de San Finx e Santa Comba. No caso da de Lousame, existen catro causas penais contra unha dúcia de funcionarios e altos cargos por varios delitos de prevaricación, malversación e falsidade documental nos xulgados de Santiago de Compostela, así como unha causa por delito ecolóxico pendente de reapertura no xulgado de Noia", matizan.

Aliás, no que atinxe ao complexo de Varilongo "tamén están pendentes de resolución varios recursos ante a Audiencia Provincial relativos a presuntos delitos de prevaricación e danos ambientais".

Comentarios