Dos versos de Rosalía de Castro a case desaparecer: o bolo do pote celebra o seu XXV aniversario en Mazaricos

Centos de persoas participaron dunha multitudinaria Festa do Bolo do Pote de Mazaricos. (Foto: Nós Diario)
Estivo a piques da desaparición na gastronomía galega, pero as reivindicacións dos veciños e veciñas de Mazaricos axudaron a que tivese a súa propia festa, que suma 25 anos esta fin de semana.

A primeira fin de semana de marzo, días 2 e 3, virá acompañada da Festa do Bolo do Pote, no concello de Mazaricos (Xallas). A celebración será especialmente concorrida, xa que a festa gastronómica celebra as súas bodas de prata. Organiza o concello de Mazaricos e conta coa colaboración da Asociación de Amas de Casa El Hórreo, a Asociación de Veciños Monte Picoto e o restaurante e hotel Casa Jurjo.

O bolo do pote é un complemento tradicional do cocido, moi popular na cultura gastronómica e que tamén tivo a súa presenza na literatura galega. A poeta Rosalía de Castro mencionou este engadido do caldo no seu poema “Miña casiña, meu lar”, publicado en Follas Novas (1880).

Neste poema, a protagonista é unha muller humilde que volve a Padrón desde Santiago, a pé e sen comer nin almorzar. De camiño á súa casa pide aos veciños comida, pero ninguén a quere axudar. Ao final cando chega ao fogar, atopa os ingredientes necesarios para facer un caldo “de groria” e un bolo do pote “que era cousa de envidiar”.

Como a protagonista do poema de Rosalía, o bolo do pote ten unha historia propia de supervivencia, na que pasou de estar a piques da desaparición a ser unha festa gastronómica de referencia na comarca.

Que é o bolo do pote?

O bolo do pote é un complemento tradicional do cocido. Consiste nuns bolos, elaborados cunha base de fariña de millo, un pouco de centeo e un rustrido de cebola e chichas de touciño. Para a súa elaboración, cómpre amasar todos os ingredientes xuntos con auga de caldo e posteriormente botalos a cocer na pota co resto do cocido cando está a ferver.

Así obteríase esta tradicional parte do cocido, mais ao bolo orixinal pódense engadir extras, como por exemplo chourizo.

Bolo do pote elaborado coa receita tradicional de Mazaricos. (Foto: Deputación da Coruña)

A súa orixe

En tempos antigos, o consumo de carne era menor que na actualidade. Algunhas persoas expertas apuntan que isto podería deberse a que antigamente os animais domésticos, como vacas ou galiñas, eran moito máis valiosos vivos que mortos, xa que deles extraíase leite, no caso das vacas, e ovos, no caso das galiñas.

Así pois, dado este baixo consumo de carne, o bolo do pote axudaba a facer o caldo moito máis nutritivo e ofrecíase como unha alternativa válida para substituír a proteína.

Mais a introdución da pataca no século XVIII e sobre todo no XIX supuxo a progresiva desaparición do bolo do pote da gastronomía galega. A pataca, era máis asumíbel, e máis doada de preparar no cocido, a diferenza do bolo, cuxa elaboración precisaba de máis tempo.

Foi a finais dos noventa, como, en colaboración con diferentes asociacións locais, o Concello de Mazaricos reivindicou este prato outorgándolle unha festa na primeira fin de semana de marzo. Unha tradición que perdura no Xallas.

O programa para a festa

A festa estréase o sábado 2 de marzo. O público poderá desfrutar, con previa reserva, de xantares e ceas de cocido e bolos do pote nos estabelecementos hostaleiros. Os locais de degustación son o Asador Manduca (A Picota), o restaurante EFE-EME (A Picota), Casa Jurjo (A Picota), Campamento de Corzón (Corzón), Casa Pego (San Cosme), e os locais colaboradores, Taberna Casa Senra (A Picota), Café Bar Alborada (A Picota) e a Pizzería Pinocchio (A Picota). Os menús ofrécense por 25 euros, e inclúen bolo do pote, cocido, postre, viño e café.

O domingo 3 de marzo, ás 13 horas comeza a festa coa ruada e o concerto do grupo de gaitas O Sib do Solpor. No Campo da Feira haberá degustacións do bolo do pote por 2 euros, que incluirá un prato de cerámica do Buño. Así mesmo nos locais hostaleiros tamén haberá degustacións e xantares.

A partir das 16 horas, haberá unha ruada pola Picota a cargo da Charanga Alambique. A maiores, se o tempo permite, haberá inchábeis para a rapazada, de 12.30 horas a 15.15 horas e de 16.15 horas a 18.30 horas.