Verónica Núñez, Caurelor: "Se non se coida a contorna na que vivimos non haberá proxectos como o noso"

Verónica Núñez, Caurelor (VN)

Verónica Núñez e Daniel Arza confirmaron que a vontade e o traballo son quen de construír empresas no rural galego. Hai 16 anos deixaron as súas profesións como xeógrafa e operario da lousa para crear "Caurelor" no Courel. Vivir da castaña foi todo un reto cando non había moitas experiencias semellantes na Galiza.

A súa estratexia pasa pola venda directa e sen persoas intermediarias, un sistema que encarece o produto mais que permite o seu control absoluto. O único perigo é a convivencia con proxectos opostos á conservación da natureza. 

Como pasa de traballar como técnica de turismo a entrar no mundo dos produtos agroalimentarios?

O nacemento de Caurelor tivo lugar hai 16 anos cando eu e a miña parella Daniel decidimos facer algo xuntos. Despois de darlle moitas voltas chegamos á conclusión de que tiña que ser algo que estivese relacionado con algún produto da nosa zona a medio camiño entre o concello de Quiroga e o de Folgoso do Courel.

Foi case lóxico caer na conta dos castiñeiros pola súa gran presenza en Santa Eufemia, en Folgoso do Courel, de onde é el. Primeiro vendíamos en verde e máis tarde elaborada como cremas. Decatámonos de que había outras posibilidades como os arandos, as cereixas ou as amoras, que se sumaron á nosa listaxe. Agora mesmo estamos elaborando queixo fresco. 

Tiveron moitos problemas?

Foi moi difícil por non ter ningunha outra empresa de referencia cando agora si hai moitas. Todo o mundo nos botaba para atrás, e dicíannos que era imposíbel vivir da castaña e dos produtos do monte. A xente estaba acostumada coa idea de que crear unha empresa era contar con grandes instalacións. Nós apostamos por algo pequeno, artesán. Acudiamos á Consellaría de Sanidade e non sabían que dicirnos. Outro tanto pasounos en Medio Rural. Foi todo proba e erro. 

Falta que a Administración teña máis contacto co rural?

A Administración está formada por funcionarias e funcionarios que non viven o día a día no rural. Cando xorden iniciativas botan unha man mais se é algo novidoso están perdidos. Non saben que facer.

Afectoulles a crise económica que estamos a vivir?

A crise non nos afectou tanto porque nós non temos persoal e non queremos unha grande empresa. Nós apañamos, elaboramos e vendemos, sen ningún intermediario, polo que non tivemos problemas. A fortuna que temos é que nos coñece moita xente porque levamos 16 anos traballando e o produto é de excelente calidade. Se compran unha vez, repiten. O malo é que este sistema encarece o que vendes, que ademais non é un ben de primeira necesidade. A vantaxe é que non dependes dos demais. 

Algo positivo da actual situación?

Coa pandemia hai moita xente agora que pensa facer algo no rural... e traballo hai abondo. O que si vexo é que hai moita volta de xubiladas e xubilados que non aturaron pasar a pandemia fechados en pisos. Levamos desde mediados de xuño como se fose agosto. Houbo un gran retorno da xente que ten aquí unha casa. E é lóxico, eu nin me decatei do confinamento. Fixemos as nosas actividades igual e o único que variou foi que non fomos á feira mais vendimos por internet.

Faltan investimentos no rural?

Todo o que sexa investir no rural é pouco. Hai que mellorar a sanidade e os camiños, por exemplo. Aquí a vida é diferente, non tes todo perto como nas cidades.

Considera un perigo que no rural entren empresas depredadoras?

Nós vivimos nun concello que se declarou libre de eucaliptos. Eu creo que se pode vivir doutras cousas que non sexa unha canteira. Se non se coida a contorna na que vivimos non haberá proxectos como o noso. Agora mesmo estamos en vías dunha futura plantación de 3.000 arandeiras e temos outra de 400 árbores froiteiras plantadas. Nós en vez de destruír, construímos.