Verea, en alerta ante novos parques eólicos

O abastecemento de augas é outro dos servizos básicos que se poderían ver afectados de construírse os novos polígonos eólicos. (Foto: Stop Eólicos Xurés Celanova)
Stop Eólicos Xurés Celanova, Ecoloxistas en Acción e o Sindicato Labrego Galego protagonizaron unha palestra en Verea para informar a veciñanza dos perigos da instalación de máis parques eólicos nun concello onde o 40% do territorio está considerado "zona de aproveitamento eólico" polo plan sectorial galego.

O Concello de Verea vén de organizar dúas reunións entre os presidentes de catro comunidades de montes con persoal que di representar unha empresa denominada ACS para negociar a instalación de aeroxeradores nos montes de Casares, Outeiro, Sanguñedo e Ourille.

Segundo os enclaves sinalados polos enviados desta compañía, o plan consiste en colocar seis aeroxeradores a continuación do Parque Eólico Fontesanta, que promove Greenalia no Monte Grande entre Bande e Verea.

Diante destas circunstancias, a plataforma veciñal Stop Eólicos Xurés Celanova organizou na Casa da Cultura do Concello de Verea unha palestra informativa, coa presenza de portavoces do Sindicato Labrego Galego e Ecoloxistas en Acción, para explicar á veciñanza as características dos proxectos xa en trámite: o do Monte da Neve (Celanova, Verea) que promove Bay Wa, e o de Fontesanta, así como a liña de alta tensión que promove Greenalia, tres proxectos que estiveron este ano en fase de exposición pública e que a plataforma considera "un mesmo polígono que se presenta de forma fragmentada e fraudulenta".

Está detrás a ACS de Florentino Pérez?

A estes proxectos, contra os que a plataforma promoveu alegacións para que a Xunta da Galiza os rexeite, súmaselle agora o plan de ACS, aínda que a plataforma "descoñece" se estas siglas representan as da compañía do coñecido empresario español Florentino Pérez.

Verea, con máis de 40% do seu territorio considerado "zona de aproveitamento eólico", segundo o Plan sectorial eólico da Galiza, ficaría "inundada" de polígonos con aeroxeradores.

Na palestra, á que asistiron unhas 30 persoas, a maioría veciñas e veciños de Verea e Celanova afectadas polo macro-proxecto, denunciouse que os enclaves dos aeroxeradores proxectados representan "ameazas directas" ás augas que nacen na chaira do Monte da Neve e no Monte Grande, cuestión que "agravaría" a situación dos ríos como o Ourille, que nutren varios concellos na comarca, así como os mananciais e fontes que proporcionan auga ás aldeas próximas aos polígonos.

Botando luz sobre os riscos menos visíbeis

Na palestra de Stop Eólicos Xurés Celanova, o Sindicato Labrego Galego e Ecoloxistas en Acción botouse luz sobre un pouco coñecido "efecto secundario" dos eólicos, como é a posibilidade de padecer efectos do "síndrome da turbina" a causa das infrasóns que emiten os aeroxeradores. Ademais, lembraron que noutros países, como Alemaña, proxectos como os propostos en Verea "serían ilegais".