En Antas do Ulla

O verdadeiro centro da Galiza está na aldea de Nugallás

Membros do Instituto de Estudos Ulloáns no centro xeográfico da Galiza.
Un informe elaborado con criterios científicos de medición xeográfica resolve que o punto cartográfico exacto do centro da Galiza está na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas do Ulla. Un experto do Instituto Xeográfico Nacional atopou esta localización grazas á petición do Instituto de Estudos Ulloáns.

O Instituto Xeográfico Nacional confirmou, a petición do Instituto de Estudos Ulloáns, que o centro xeográfico da Galiza está nun punto concreto da aldea de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante en Antas de Ulla, na comarca da Ulloa.

O Instituto de Estudos Ulloáns levou a cabo as xestións  necesarias para rematar coas dúbidas e que se determinase científica e definitivamente a localización exacta do centro xeográfico da Galiza. Para isto, a entidade recorreu ao Instituto Xeográfico Nacional (IXN), unha institución dependente do Ministerio de Fomento, a máxima autoridade estatal na materia.

Esta entidade cultural que desenvolve a súa actividade na comarca da Ulloa logrou que o IXN, que xa fixera outras medicións hai anos, o mesmo que os xeógrafos da USC, emitise un informe oficial asinado por Pablo Carballo Cruz, director do servizo rexional, detallando a localización exacta do centro xeográfico do país dando definitivamente as súas coordenadas xeográficas: 7º54'38,99''W  42º45'25,15''N.  

"O punto exacto definido polo IXN está situado nunha parcela particular nunha zona de gran valor natural e paisaxístico", sostivo o presidente da entidade galega, Francisco Pardo.

Empregando as descricións cartográficas dispoñíbeis no Rexistro Central de Cartografía calculouse o centro de gravidade ou centro xeográfico da Galiza utilizando o algoritmo centroide de PostGIS, un software que converte as bases de datos obxecto-relacionais en sistemas de información xeográfica.

O experto Pablo Carballo remata o seu informe oficial sinalando que "o estudo e o cálculo leváronse a cabo contando cos datos oficiais máis fiábeis e precisos e comprobando o resultado co software máis avanzado".

Agora, o colectivo da Ulloa iniciará campañas de divulgación. "Pero son as Administracións local, provincial e autonómica as responsábeis dunha intervención na zona, para o que non se requiren grandes investimentos senón boas intencións", asegurou o seu presidente. 

O Instituto de Estudos Ulloáns dá por pechados os debates

Con este informe "oficial e definitivo" o Instituto de Estudos Ulloáns dá por pechados os debates sobre a situación exacta do centro xeográfico da Galiza, unha localización disputada historicamente.

"Todos os debates de carácter científico e alleos, por outra parte, aos lemas publicitarios que poden levar ao público a confusións como son o de 'Corazón de Galicia', creado polo banqueiro Alejandro de Soto e rexistrado polo concello de Chantada na oficina de patentes de Madrid , ou a denominación 'Km O', creada polo escritor Armando Vázquez e rexistrada polo concello de Lalín", explicou o presidente da entidade, Francisco Pardo, que presentou o resultado deste estudo esta quinta feira en Lugo xunto ao vicepresidente Jesús Otero e as directivas Hilda García e María José Gómez.