As verbenas do verán decorrerán con tres metros de distancia entre asistentes

Campo da feira na festa de Santa Minia, no concello de Brión (Imaxe: Xosema)
A Xunta publica hoxe unha serie de medidas que actualizan o plan de prevención da COVID-19. Ademais do protocolo para a celebración de festas no verán, fíxase a capacidade dos albergues en 75% mentres que os parques infantís poderán albergar unha crianza por cada tres metros.

O Diario Oficial da Galiza publica hoxe unha serie de modificacións das medidas para a prevención da COVID-19. Entre elas, lémbrase a necesidade de portar máscara en todos aqueles espazos abertos e fechados nos que non se poida manter unha distancia de metro e medio, tal e como estabeleceu o Goberno estatal. As máscaras con válvula exhalatoria (as de tipo FPP2 ou FPP3) , segundo a orde da Xunta, están reservadas a profesionais.

Aquelas persoas con síntomas compatíbeis á COVID-19, cun contacto estreito dunha persoa enferma con coronavirus ou pendente dos resultados das probas deberán gardar corentena e atender as indicacións das autoridades sanitarias. É o caso, por exemplo, das persoas próximas aos brotes detectados nas comarcas da Mariña e do Barbanza.

Verbenas e atraccións de feira

Un máximo de 2.000 asistentes portando máscaras e gardando unha distancia de tres metros. Son as condicións fixadas pola Xunta da Galiza para a celebración das verbenas na Galiza, que se poderán realizar a partir do vindeiro 1 de xullo. O sector agardaba con expectación a concreción das medidas anunciadas pola Administración galega. En tanto, unha das formacións con maior poder de convocatoria, a orquestra Panorama, xa anunciou a súa renuncia a subir aos palcos este verán.

Segundo precisou onte o vicepresidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o protocolo será de aplicación "gradual" segundo a evolución da pandemia no país ou a posibilidade da aparición de novos brotes. Consta de dúas fases, unha primeira que se estenderá até o 31 de xullo e outra segunda na que se estudará a posibilidade de ampliar a capacidade.

A maiores, tanto nas verbenas coma nos locais de ocio exixirase a desinfección e mantemento das distancias de seguridade, así como o uso das máscaras. No caso das verbenas, se o espazo é inferior a 8.000 metros cadrados só se permitirá un máximo de 1.000 asistentes. Ademais, deberase fixar un punto de entrada e outro de saída ao recinto.

O escenario situarase a, cando menos, catro metros de distancia co público. As e os integrantes das formacións deberán portar máscaras, agás no caso de vocalistas e intérpretes de instrumentos de vento mentres dure a actuación. Nas atraccións de feira tamén deberá respectarse a distancia 
de seguridade, cunha capacidade máxima de 700 persoas en espazos inferiores a 8.000 metros cadrados e de 1.000 nas máis grandes
. No caso de que non se poida garantir a distancia, esta capacidade reducirase á metade.

Reapertura de albergues e reactivación dos autobuses

O vindeiro 1 de xullo reabrirán as súas portas un mínimo de 28 albergues das rutas xacobeas, a Catedral de Santiago de Compostela e mais o Centro Internacional de Acollida ao Peregrino. Na rede pública, os primeiros en reactivarse serán aqueles de maior importancia polo volume de visitantes e á metade da súa capacidade.

En troques, os albergues privados poderán abrir a 75%, unha medida que, segundo a Xunta, busca facilitar a súa reactivación. A Administración galega tamén comunicou que a partir do 1 de xullo restabeleceranse todas as liñas de autobús que se realizan na mesma provincia, mentres que as interprovinciais ofrecerán 80% das frecuencias habituais.

Parques e actividades de tempo libre para a rapazada

A revisión das medidas de prevención da Xunta estabelece que as actividades de tempo libre dirixidas á rapazada e mocidade terán un máximo de 250 participandes, monitores e monitoras incluídos, cando decorran ao aire libre e cunha limitación de 75% da asistencia habitual. No caso das actividades en espazos fechados, a capacidade redúcese a un máximo de 150 persoas, maiores e pequenas incluídas.

En canto aos parques infantis, a norma dita que a súa capacidade calcularase tendo en conta a extensión dos recintos e baixo a premisa de que cada crianza pode ocupar arredor de tres metros cadrados.

Competicións deportivas e acceso ás praias

A celebración de competicións deportvas federadas e mais de eventos deportivos en espazos abertos con público, como as de remo e similares, atletismo ou ciclismo, deberá ser aprobada pola Autoridade municipal ou, se transcorresen en varios municipios, pola autonómica competente. A asistencia de espectadores e espectadoras limitarase a un máximo de 1.000 persoas, que deberán portar máscara obrigatoriamente e para as que se acotará un espazo ou itinerario.

A orde do DOG tamén indica que as Administracións loais poderán fixar limitacións de acceso ás praias así como tempos de permanencia nas mesmas e mais nos aparcadoiros anexos. Para calcularse esta capacidade, como xa indicara a Xunta, considérase que a superficie de cada usuaria ou usuario será de aproximadamente tres metros cadrados.