O verán de... Nuno, 'Grande Amore': "Faime moi feliz volver á casa nas vacacións"

Nuno García Pico, Grande Amore (Foto: Janite).
Entrevistamos o artista galego no Caderno de verán.

Moitas das persoas que pasaron por esta sección recomendaron a súa música. Entendo que foi un verán moi movido con respecto aos concertos.

Que ilusión! Si, este verán está a ser moito mellor do que esperaba. Nos meses de febreiro e mazo era moi pesimista no referido ás actuacións do verán, pero realmente estou moi contento e esperanzado coa situación.

Ve que hai moita demanda por parte do público de asistir a concertos?

Si, penso que hai moitas persoas que necesitan o ambiente das actuacións e sentir que finalmente todo volve á normalidade. Coido que hai unha efervescencia, unha ansia moito maior que en calquera outro momento de ver música en directo. Creo que, dentro de todo o malo que nos trouxo a pandemia, ese desexo de participar en eventos culturais é algo moi bo.

Ademais dos concertos, tería algún momento de descanso. Que lle gusta facer durante o verán? 

É duro de dicir pero eu odio o verán, non me gusta nada; oxalá fose posíbel vivir en abril todo o ano! Non desfruto do sol nin da praia, a verdade. Non me gustaría dar unha imaxe de min como se fose unha persoa antisocial pero no verán prefiro quedar na casa, en Burela, vendo películas e lendo, coa brisa que entra pola ventá do meu cuarto. 

Outros anos, cando se podía, si é certo que asistía a festivais como o Armadiña Rock ou á Maruxaina.

Entendo que viaxar tampouco é algo que lle guste en exceso. 

Desfruto camiñando por lugares que non coñezo. Pero viaxar en avión cinco días a París non me gusta, non. Realmente nas vacacións encántame estar na casa, faime moi feliz volver e reláxame moito. Eu son do concello de Valadouro e encántame andar polos arredores.

Se tanto lle gusta ler no verán, recomende algunha lectura. 

Eu estudei Filosofía e o meu Traballo de Fin de Grao elaboreino sobre Albert Camus. A verdade é que quedei prendado da súa obra e, desde entón, leo todo o que podo del. Agora estou lendo O Verán, unha obra emotiva que recomendo moito.