Caderno de Verán

O verán de... José Andrés: "Calquera persoa que fai o Camiño séntese inmigrante ao ir pasando por diferentes vilas"

José Andrés

Cal foi o motivo que o levou a facer o Camiño?

Pasar uns días afastado de todo coa miña muller, mais tamén por un houbo un motivo persoal, de superación diaria no camiño. Este ano o turismo no Estado español non vai chegar a ser todo o que soñabamos, por iso emprego as miñas redes sociais para animar a que outras persoas o fagan. Eu volverei facelo o ano que vén, pero esta vez completo.

O mellor do Camiño de Santiago é que está conformado por moitos camiños á vez, o gastronómico podería ser un máis, e o interesante é combinalos. Trátase dun sendeiro eterno que non remata en Compostela nin en Fisterra, vai máis alá.

Como asturiano, que sente pola Galiza alguén dun territorio tan próximo?

Somos moitas persoas de diferentes lugares, con diferentes gastronomías, acentos, linguas e historias, pero que ao final, sempre hai moito máis que nos une que o que nos separa. Durante o camiño escanciei un culín de sidra Maeloc, mesturando a técnica asturiana co produto galego, e penso que é moi bonito que as tradicións se compartan.

Calquera persoa que fai o Camiño séntese inmigrante ao ir pasando por diferentes vilas. Durante a andaina decatámonos de que a esencia do que somos reside nas nosas diferenzas, e iso é o que nos enriquece. Non hai que temer o que haberá detrás da seguinte curva o no cume da montaña; o mellor do camiño é a aventura de non saber que se vai encontrar. A maior parte das persoas teñen corazón e ganas de axudar; as voces negativas son a minoría, aínda que sexan as que máis soan. Temos que conseguir que o murmurio de empatía teña unha voz máis forte.

Que supuxo coñecer que lle outorgaran o premio Princesa de Asturias nada máis comezar o camiño?

Dáme algo de vergonza. Eu son moi novo e, aínda que levo moito tempo traballando en achegar o meu gran de area, tamén hai millóns de persoas que o fan. Eu emprego as redes sociais para amplificar as mensaxes, non por ego; sempre intento contar as historias dos outros.

Alguén me dixo unha vez que ante unha desgraza hai cousas máis importantes que comer, e coido que o meu silencio foi a mellor resposta: non hai nada máis importante no mundo que a alimentación.