Caderno de verán

O verán de... Fran Rei: "Vese que a xente quere seguir indo ao teatro"

Fran Rei.
O actor e humorista Fran Rei reivindica o seu traballo, tamén durante a pandemia. 

Como está a tratar a pandemia o sector do teatro? Está a ter moito traballo no verán a pesar das restricións?

Si, a verdade é que teño o calendario cheo de actuacións. Como este primeiro cuadrimestre estivo completamente baleiro, parece que agora se quere recuperar o tempo perdido, entón hai moitos espectáculos. Ao comezo de toda esta situación sempre me preguntaba se serviría de algo o meu traballo; e é unha alegría para min ver que si, que a xente quere seguir indo ao teatro, tendo en conta todos os esforzos que hai que facer agora: chegar antes, estar separado dos acompañantes, levar a máscara etc. Saquei moitas conclusións da pandemia, moitas malas, pero tamén moitas boas.

Permítelle o traballo coller algo de vacacións?

Sempre collo a primeira quedan de agosto para descansar e pasar tempo cos meus fillos. Teño a sorte de vivir nunha urbanización con piscina, entón paso as tardes nela cos nenos. Este ano estou moi ocupado, só en xullo tiven 15 actuacións, o que non me permite viaxar. Agora en agosto, no meu tempo libre, si irei a algún parque acuático en Portugal e a outro de atraccións en Madrid.

A nivel galego, adoita pasar o verán nalgún lugar en concreto?

Hai dous lugares que me encantan. O primeiro é a Illa de Arousa; temos uns amigos en Vilagarcía e imos cada ano, é a miña escapada favorita. Sei que non é moi orixinal para alguén de Compostela, pero desfrútoo moito. O outro é Caldebarcos, en Carnota; sempre digo que é o meu lugar soñado. Probabelmente vaia a comezos de setembro, antes de que os rapaces comecen a escola, para pasar uns días en familia.

Podería recomendar algo para facer durante este verán?

Agora que desgraciadamente o tema da homofobia e os debates ao redor das minorías está tan de actualidade, recomendo moito ver a serie POSE, que trata sobre o mundo trans na Nova York dos anos 80. Non só fala dos dereitos das minorías, senón que trata a minoría máis absoluta: as mulleres negras trans. Con esta serie enténdese que sempre hai alguén que está peor ca ti; realmente fíxome reflexionar moito.