O verán de... Esther Estévez: "Nun verán normal tería moitos máis plans"

A xornalista Esther Estévez presentando o programa da TVG 'Dígocho eu' (Foto: Cedida)
Entrevista coa xornalista e presentadora do 'Dígocho eu' da TVG.

-Co éxito que está a ter o "Dígocho eu" e todo o contido que están a crear, como se desenvolveron estes meses? Puido ter algún tempo de descanso?

Traballei todo o mes de xullo pero en agosto collín vacacións para descansar. Como fixemos tanto contido para o 'Dígocho eu' e tamén en Twitch, usamos ese material no verán.

-O mes de agosto entón foi de descanso. Que actividades lle gusta realizar cando ten tempo libre?

Desde que traballo, teño que estar en Santiago de Compostela todo o ano e entón cando podo marcho unha tempada para a casa, en Verín. Aproveito cando vou para estar coa miña xente, familia e amizades. 

Se fose un verán normal, como eu toco a gaita nunha banda, iría aos ensaios e fariamos viaxes para as actuacións, pero este ano está difícil; intentamos retomalo canto antes pero o tema vai moi lento. Ademais trato de ir á praia ou facer algunha escapadiña.

-Puido viaxar entón este verán?

Si, en agosto planeei unha viaxe ás Canarias. Ademais, sempre intento visitar lugares novos da Galiza, hai tantos que non coñezo! Busco facer rutas por sitios diferentes.

-E dos lugares que coñece, hai algún ao que lle guste ir durante as vacacións?

Gústame moito a zona de Fisterra, estiven varias veces, tanto no verán como no outono, e encántame. Pero hai tantos lugares estupendos no país... que é difícil escoller!

-Comentou que a Covid truncou algúns plans coa banda. Modificou algo máis do que tiña pensado facer este verán? 

No ámbito profesional non, estiven traballando de maneira presencial, entón nese aspecto foi estupendo. No referido ao ámbito persoal, se fose un verán normal coido que tería moitos máis plans no meu tempo libre. Si é certo que podo estar cos meus, pero non é o mesmo.

-Podería recomendar algún libro que estea lendo ou algún músico que escoite habitualmente? 

Estou lendo Illa Decepción de Berta Dávila que me está gustando moito. Con respecto á música, escoito moito os temas de Verto.