A plataforma SOS Sanidade Pública emitiu un comunicado no que evidencia o "desastre asistencial" no que está sumida "boa parte da Atención Primaria galega" desde a chegada do verán.
Detrás están "unha mesturanza entre os recortes económicos, a ausencia dunha política de persoal que incentive os e as traballadoras, unhas condicións laborais baseadas na inestabilidade e a precariedade, o abandono da planificación e, sobre todo, unha manifesta incapacidade para xestionar por parte da Consellería de Sanidade da Xunta da Galiza e do Servizo Galego de Saúde (Sergas)".
Para exemplificar esta "estratexia do Goberno galego de debilitar e desmantelar un modelo envexado por boa parte dos países da Unión Europea para abrir espazo á súa privatización", SOS Sanidade pública empregou os casos de localidades como Arteixo -onde non se cobren as vacacións do persoal-, Fisterra -que fica sen profesionais da pediatría-, Crecente -con médico tan só dous días á semana até o 16 de agosto- ou Mondariz, onde de tres facultativas fica só unha en activo.
Por todo iso lembran a "necesidade de incrementar o gasto sanitario público", especialmente "o de Atención Primaria", mantendo os centros de saúde "abertos durante o verán" .
Denuncian o feche da UCI do Hospital de Conxo
A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou que a xerencia da área sanitaria de Santiago e Barbanza acordou fechar a Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital de Conxo e trasladar o seu persoal á do Hospital Clínico, nunha medida que a antedita xerencia definiu como "necesaria" para "continuar ofrecendo coidados intensivos de calidade ante as circunstancias actuais e puntuais as 24 horas do día".
Concentración a prol da radioloxía no Barbanza
A 45 minutos dirección suroeste, no Hospital do Barbanza, a CIG e o sindicato SAE convocaron unha concentración -seguida de rolda de prensa- esta terza feira para botar luz sobre a situación no servizo de radioloxía do centro, pois "a semana pasada, concretamente o 1 de agosto, non contou coa presenza dun facultativo especialista de garda, situación que se vai repetir o 6 de agosto".