Ventos de 129 quilómetros por hora e chuvia a esgalla, 'Irene' faise notar na Galiza

Unha persoa protéxese da chuvia e do vento durante un temporal na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Nas últimas horas rexistráronse choivas de até 25 litros por metro cadrado en Santiago de Compostela e 21,2 litros na Serra do Faro, entre Rodeiro (Deza) e Chantada (comarca homónima).

A borrasca ‘Irene’ que afecta Galiza rexistrou nas últimas horas o seu valor extremo, en canto á intensidade de vento, no municipio de Carballeda de Valdeorras, cun refacho máximo de 129,8 quilómetros por hora, segundo informou Meteogaliza, organismo dependente da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Segundo Meteogaliza, este valor máximo foi rexistrado na parroquia de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, sobre as 2.20 horas da madrugada desta cuarta feira, nunha estación de medición situada a máis de 900 metros de altitude.

Con respecto ás estacións que están por baixo desa altitude, est cuarta feira rexistrouse o valor máximo de intensidade do vento na Gándara, Vimianzo (comarca de Terra de Soneira), con 107,9 quilómetros por hora ás 1.20 horas da madrugada. Por outra parte, nas últimas horas rexistráronse choivas de até 25 litros por metro cadrado en Santiago de Compostela e 21,2 litros na Serra do Faro, entre Rodeiro (Deza) e Chantada (comarca homónima).

Galiza atópase en alerta por temporal, con aviso de ventos fortes e choivas intensas (aviso laranxa na costa e amarelo no interior), unha situación que tamén se deu nas últimas horas, cando se rexistraron valores máximos de 143,7 km/h nos refachos de vento, en Vimianzo; e 36,1 litros por metro cadrado no que respecta a as precipitacións, en Santa Comba (comarca do Xallas).

Incidencias

Con todo, os servizos de Emerxencia non notificaron incidencias graves esta cuarta feira debidas ao mal tempo. Os bombeiros de Vigo tiveron que acudir na tarde da terza feira para retirar unhas chapas dun edificio na rúa Travesía de Vigo, e algúns elementos de mobiliario urbano e iluminación do Nadal que estaban en risco de caer á rúa, aínda que a madrugada foi "tranquila".

Do mesmo modo, os bombeiros da Coruña non tiveron actuacións relacionadas co temporal nas últimas horas, salvo unha saída, ao mediodía da terza feira, para asegurar uns carteis que se moveron co vento en Cantón Grande.

Os bombeiros de Santiago acudiron de madrugada retirar unha cuberta de 'uralita' e a limpar na Rúa Nova de Abaixo; tamén retirar restos tras o desprendemento de parte dunha galería na Avenida de Barcelona; e cortar unha árbore caída na rúa Roma. Así mesmo, á primeira hora acudiron a cortar varias árbores en Sionlla de Arriba, Zaramacedo e rúa Cotón.

Os bombeiros de Ourense e de Lugo, non reportaron intervencións relacionadas co temporal, nin tampouco o CIAE 112 Galiza, que limita as incidencias a retirada dalgunhas ramas, carteis ou cables en diferentes vías, sen maiores consecuencias.