Vento, ondas e neve: o aviso laranxa continuará activo esta segunda feira na Galiza

Dous coches circulando por Chandrexa de Queixa, Terra de Trives, este pasado sábado. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) anuncia que o país seguirá cun risco importante de precipitacións, ondas e vento durante a xornada. A fin de semana rematou con ventos de 147 km/h e ondas de 5,7 metros

A Galiza continuará esta segunda feira en aviso laranxa, con risco importante por precipitacións, ondadas, neve e vento, segundo a predición realizada pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet). Alén dos fenómenos costeiros, o día estará marcado pola presenza de neve en cotas que baixarán dos 1.000/1.400 metros até os 600/1.000 metros.

Incidencias o domingo

A fin de semana rematou con ventos de 147 km/h, ondas de 5,7 metros, choivas intensas e incidencias no transporte polo temporal. Segundo MeteoGaliza, o refacho máximo de vento, 147,1 quilómetros por hora, alcanzouse no municipio de Muras (Terra Chá) e en Ortigueira (Ortegal) cun total acumulado de precipitacións de 73,4 litros por metros cadrado.

No transporte, o vento provocou incidencias no aeroporto de Vigo, onde un voo procedente de Madrid que tiña que aterrar na cidade olívica ás 12.50 horas tivo que ser desviado.

A circulación ferroviaria tamén foi interrompida entre Ponte Mera e Cerdido por varias árbores caídas na vía. Por esta circunstancia Adif estabeleceu un plan alternativo de transporte por estrada, no traxecto afectado, para trens de Ferrol até Cudillero.

No mar, a navieira Mar de Ons cancelou, desde primeira hora e até novo aviso, o servizo entre Cangas e Vigo debido ás condicións meteorolóxicas. Así mesmo, na ría de Vigo tamén hai varios buques que se atopan ao abrigo da illa de Ons ante as condicións do mar.

Por outra parte, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) advertiu da dificultade da circulación, polo vento, na estrada A-8 desde o quilómetro 536 en Veiga de San Tome (Lourenza, A Mariña) ao quilómetro 552 en Someiro (Abadín, Terra Chá).

Ademais, a Xunta activou o Plan especial ante o risco de inundacións na Galiza (Inungal) para seguir o caudal dos ríos Mera e Mandeo, ao seu paso polos municipios de Betanzos, Ortigueira (Ortegal) e Paderne (comarca de Betanzos).

Tremor de magnitude 3 en Cerdido

O municipio Cerdido (comarca de Ortegal) rexistrou este sábado un terremoto de magnitude 3, segundo informou o Instituto Xeográfico Nacional. O sismo produciuse minutos ás 21.22 horas e foi en superficie.

Ademais, na madrugada do sábado tamén se produciu un tremor de magnitude 2,4 no Cantábrico, fronte ás costas da Galiza, e cunha profundidade de nove quilómetros.