MAPA

Cales son as comarcas máis afectadas polos temporais?

Refachos de vento que deixou a borrasca Karlotta en cada comarca. (Autor: Luís Fernández)
O temporal Karlotta deste ano chegou aos 202 km/h no concello de Viveiro, Filomena no 2021 rexistrou case -12 ºC na comarca de Lima.

Na Galiza, en temporadas invernais é frecuente a chegada de borrascas orixinadas no océano Atlántico. Estes fenómenos provocan ventos moi fortes e temperaturas baixas, o que climatoloxicamente falando denomínase “tempo adverso”.

Os tres últimos temporais que afectaron a Galiza foron Gloria (2020), Filomena (2021) e Karlotta (2024). Así afectaron as comarcas galegas:

Gloria, 2020

 

O temporal Gloria chegou á Galiza o 21 de xaneiro do 2020. Os refachos de vento afectaron maioritariamente o litoral atlántico e o norte galego, concretamente as comarcas do Ortegal e A Mariña. O refacho máximo foi de 102 km/h e sucedeu na comarca de Terra de Montes.

No respectivo á temperatura, as mínimas alcanzáronse no interior galego, nas comarcas de Valdeorras, Terra de Tribes, Verín, Limia, Baixa Limia, Quiroga, Terra de Lemos, Sarria, os Ancares e O Ribeiro. Mentres as temperaturas son máis elevadas no litoral. O mínimo de temperatura foi na comarca da Limia, onde se rexistraron -6.8 ºC.

Filomena, 2021

temp-filo-cut

 

Filomena fixo a súa aparición na Galiza o sete de xaneiro de 2021 para despois trasladarse ao interior da península Ibérica, onde resultou moito máis catastrófica que para os galegos e as galegas.

Os refachos máximos rexistráronse no litoral atlántico e na comarca da Terra Chá, onde oscilaron entre os 45 e os 60.8 km/h. No interior do país os ventos non resultaron tan fortes. De todos os modos, estes foron moito menores que o ano anterior con Gloria. Neste caso o máximo refacho foi na comarca de Bergantiños con 60.8 km/h.

A nivel de temperaturas mínimas si que hai un descenso considerábel respecto a Gloria. Neste caso as temperaturas son moito máis baixas, de feito a máxima foi de 3.3 ºC na comarca de Muros. Resáltase de novo como é o interior quen rexistra as mínimas temperaturas, cadrándose case todas as comarcas interiores por debaixo dos 0 ºC. O récord da mínima foi novamente na comarca da Limia, con -11.9 ºC.

Karlotta, 2024

 

O temporal Karlotta afectou a Galiza o pasado 8 de febreiro do presente ano. Os refachos de vento máximo rexistráronse desta volta no norte do país, nas comarcas da Mariña e a Terra Chá. Foi no concello de Viveiro, na Mariña, onde se rexistrou o refacho máximo de 202 km/h. Na Costa da Morte os ventos tamén foron moi acusados, rexistrándose maioritariamente por riba dos 100 km/h. O interior foi novamente a que menos sufriu os fortes ventos. Este sería, o temporal que ventos máis fortes rexistrou nos últimos anos.

As temperaturas foron suaves, as comarcas que estiveron por debaixo dos 0 ºC foron unicamente dúas do interior ourensá, neste caso Terra de Trives a cal rexistrou -1.5 ºC. No resto do país, de xeito maioritario as comarcas estiveron entre os 6 e os 12 ºC, o cal tendo en conta a estación invernal non resulta unha anomalía. Citar novamente, que as comarcas do litoral foron as que menos sufriron as mínimas temperaturas.

Nestes tres últimos temporais, as comarcas do interior do pais son as que rexistran as temperaturas máis baixas, e as do litoral ás que chegan os maiores refachos de ventos. Para o caso das temperaturas mínimas, estas débense a que o mar actúa como axente regulador das temperaturas. No interior as temperaturas tenden a ser máis extremas, co cal os episodios extremos serán máis acusados nestas comarcas.

No respectivo aos ventos, a costa galega é a entrada peninsular das borrascas formadas no océano atlántico. As borrascas veñen acompañadas de condiciones climatolóxicas adversas, que se traducen en fortes ventos e chuvias. Neste contexto, o litoral galego é o máis vulnerable ante estes fenómenos.