200 venres negros na CRTVG denunciando a manipulación informativa e a censura

Profesionais de Defende a Galega foron represaliados por participar na iniciativa. (Foto: Defende a Galega)
Durante case catro anos, profesionais da Corporación de Radio e Televisión da Galiza reclaman cada sexta feira, ataviadas con camisolas negras co lema Defende a Galega, que a cadea cumpra a Lei e se comporte como un verdadeiro medio público. A súa loita levou a iniciativa a facerse co premio José Couso para a Liberdade de Prensa.

1400 días, este é o tempo que Defende a Galega, a plataforma de profesionais da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) que reclama cumprir a lexislación sobre medios públicos, leva impulsando cada sexta feira os coñecidos como “venres negros”, nos que manifestan publicamente a falta de independencia xornalística vestidos con camisolas desa cor.

Nestes case catro anos, destacan, foron quen de mudar a visión dos medios públicos galegos nunha parte importante da sociedade galega, xerando consciencia de que a solución á manipulación da CRTVG non é acabar cos medios públicos, senón loitar para que a súa independencia estea garantida.

Precisamente para expor “as peores prácticas e manifestacións destes 1.400 días na CRTVG”, a entidade lanzou vía Twitter unha enquisa para elixir as Medallas de Alcatrán que coincide coa 200ª sexta feira de mobilizacións.

Non obstante, Defende a Galega subliña en declaracións a Nós Diario que “non cremos que haxa nada que conmemorar máis aló de poñer de manifesto por enésima vez a desvergonza da Dirección Xeral, que cada semana vai multiplicando as mostras de manipulación e censura”, ao tempo que “avanza no camiño cara ao desmantelamento do ente, coa conseguinte perda de calidade dos contidos e dos formatos”, polo que reclaman que se impulse un Consello de Informativos desde o lexislativo, "competencia dos membros do Consello de Administración da CRTVG, nomeados pola propia Cámara", indican.

Demandan que a Xunta cumpra coa lei

A principal loita de Defende a Galega é que a Xunta da Galiza cumpra a Lei de 2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual, “a cuestión é o porqué do incumprimento sistemático dunha norma que garante os valores de pluralismo e veracidade co fin de contribuír á formación dunha opinión pública informada”, explican.

A negativa do Goberno a cumprir a norma “e fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos”, “é para nós algo moi significativo”, inciden.
“Non pensamos renunciar a demandar da RG e da TVG que cumpran a misión de servizo público para a que foron creadas”, ratifican, ironizando que “se cadra cando Alberto Núñez Feixoo presida o Partido Popular haberá máis medios que recollan o que pasa na CRTVG”.

Permanencia irregular da Dirección

Levar á práctica a Lei, que “tamén fala de reflectir o pluralismo ideolóxico, político, cultural e social da Galiza, de integrar a perspectiva de xénero, do respecto á dignidade humana, da defensa da identidade da Galiza”, implicaría que a “directora ou director xeral sería elixido por maioría cualificada do Parlamento para un mandato de cinco anos, non de 13”, en referencia a Alfonso Sánchez Izquierdo, no cargo desde 2009.

Raquel Lema, representante das traballadoras e traballadores da Corporación, cuestiona que o ente non cumpra “co súa función como medio público”, cometendo unha “fraude” contra o pobo galego.

O problema “máis grave a nivel democrático é a manipulación informativa”, destaca, lembrando que un medio público “non pode obedecer intereses que non sexan os do conxunto da sociedade”, e, a pesar diso, a CRTVG “está ao servizo do partido que está no Goberno, o Partido Popular”.

Nese sentido, nesta semana o Comité Intercentros da CRTVG inculpou a Dirección do medio pola “utilización dos servizos informativos da CRTVG a favor da empresa promotora da mina de Touro”, silenciando a voces autorizadas que explican a posición da veciñanza nun novo “episodio de manipulación informativa, contrario aos principios de obxectividade”. “Debía ser unha práctica delitiva o que se fixo por exemplo con ese tratamento informativo”, resolve Lema.

Outro dos aspectos que aborda é a carencia de manifestacións culturais do país e dunha visión en defensa do propio, “só hai que ver a grella para saber que na programación non se recollen os intereses do país”, respondendo apenas “a criterios mercantilistas”.

Tamén denuncia o desmantelamento das delegacións e a aposta da CRTVG por subcontratar servizos que poderían ofrecer as persoas que xa ten incluídas no cadro de persoal.

Represalias contra as e os profesionais

A loita das profesionais non está exenta de represalias, explica, “pertencer a Defende a galega hoxe é quedar situado nunha lista negra”, conclúe, relatando que neste tempo “abríronse expedientes disciplinarios”, con presentadoras e presentadores apartados “por significarse” a favor da iniciativa e incluso unha sentenza ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza que sinala que o xornalista Carlos Jiménez foi represaliado por formar parte de Defende a Galega.

“Ten moito mérito dar a cara e pór a camisola semana tras semana”, corrobora Lema, que incide en que “merecen o aplauso de todas e todos”, sobre todo co 40% de emprego temporal que padece a CRTVG.

Premio José Couso en 2019

A súa loita foi recoñecida en 2019 coa XV edición do premio José Couso para a Liberdade de Prensa, que se entrega na honra do cámara ferrolán asasinado en 2003 en Bagdad (Iraq) por disparos dun tanque dos Estados Unidos en contra do hotel no que se aloxaban os xornalistas internacionais.

Defende a Galega converteuse “nun exemplo de dignidade e de resistencia en defensa do valor da información, sen a cal non é posible exercer a liberdade, e do valor do público, imprescindíbel para garantir o principio de igualdade de oportunidades", destacou a organización do premio. Porén, a entrega do galardón foi ocultada pola cadea pública, xustificándose na necesidade de protexer a marca e tratando de prohibir as camisolas no traballo.