A venda de Povisa xera incerteza respecto do nivel da calidade asistencial

Hospital de Povisa, en Vigo.
O persoal segue demandando explicacións dunha operación na que ven riscos de perda de postos de traballo e rebaixa da calidade asistencial. A Xunta négase a estudar a posíbel reversión ao público, como aconteceu co hospital de Alcira en 2018, din as traballadoras.

“Non hai ningún outro caso na Galiza e no Estado dun hospital como Povisa, de propiedade privada, que teña ao seu cargo a atención de tantos milleiros de pacientes”, Chus Neira, representante da CIG no comité de empresa de Povisa.

Neira advirte que as traballadoras e traballadores non teñen información sobre os motivos da venda, por 22 millóns de euros, á compañía Ribera Salud con sede en Valencia, e concesións sanitarias en Torrevieja, Dénia, Vinalopó, Torrejón e Lima (Perú) e que é propiedade do fondo de investimento Centene, de EUA.

As traballadoras de Povisa, que a finais do 2018 superou un concurso de acredores grazas a intervención da Xunta, temen despedimentos e a rebaixa na calidade de atención tendo en conta o historial de Ribera Salud, que xestionaba o Hospital de Alcira e cando este foi rescatado polo goberno valenciano tivo que contratar inmediatamente persoal. 

“Non hai ningún outro caso na Galiza e no Estado dun hospital como Povisa, de propiedade privada, que teña ao seu cargo a atención de tantos milleiros de pacientes”

Na segunda feira reuniranse co alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a cuarta feira estarán en Compostela para manifestarse diante do Parlamento e asistir pola tarde á sesión plenaria. A quinta continuarán a serie de xuntanzas falando coa Plataforma de Defensa da Sanidade Pública.

“Pedimos á Xunta que considere a posibilidade de facerse coa propiedade de Povisa. A venda faise por 22 millóns. Pero grazas ao concerto co Sergas o hospital ingresa cada ano uns 80 millóns de euros pola atención da metade da poboación da área de Vigo, que é 80% dos ingresos que ten”, explica Neira. “Por riba, para saír do concurso, a Xunta fíxose cargo o ano pasado dos salarios dos MIR e de parte dos gastos de farmacia”.

As representantes das traballadoras din que propuxeron a opción de compra pública nunha reunión coa empresa. Mais consideran que nin a propiedade nin Sanidade nin Feixoo están por esa solución. Na área de Vigo, case a metade da poboación recibirá un servizo sanitario de carácter público prestado por unha empresa que fracasou na xestión e empeorou o servizo en Alcira. Na venda, ademais do hospital, inclúense os ambulatorios da Gran Vía, da rúa Barcelona e da rúa Colón, e a Escola de Enfermaría.