Eva Solla e Montse Prado coinciden na solución para Povisa: intervención pública

[Imaxe: GCE / BNG] Eva Solla, en Povisa, esta cuarta feira. Abaixo: Montse Prado e Xabier Igrexas, cos traballadores.
As deputadas Eva Solla, do Grupo Común da Esquerda, e Montse Prado, do BNG, reuníronse (por separado) esta cuarta feira coas representantes das traballadoras de Povisa. As parlamentarias coincidiron en reclamar a intervención directa da Xunta de Galiza para facerse cargo do hospital.

Despois de que o fondo de capital risco Centene anunciase este mes a súa intención de comprar Povisa, cando a Xunta vén de aumentar a súa achega anual, as deputadas avanzaron que pedirán que o goberno galego “se faga cargo da empresa polo método menos gravoso para as arcas públicas”, en palabras de Eva Solla. “Hai mecanismos públicos para reverter a situación”, insistiu Montse Prado. O Bloque mesmo está disposto a reclamar a declaración de interese público para o hospital.

“O que fixo a Xunta foi capitalizar Povisa para vendela mellor”, denunciou a nacionalista Montse Prado despois de reunirse, xunto ao concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, coas traballadoras e traballadores. Solla, que estivo acompañada polo concelleiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, dixo que “Núñez Feixoo está xogando cos cartos das galegas e galegos, regala cartos públicos ás empresas, vende os traballadores e vende a asistencia sanitaria de 140 mil persoas, que non poden decidir se queren que a súa asistencia se dea a través dunha multinacional”. Tamén indicou que Povisa dá emprego a 1.350 persoas. 

Povisa entrou en concurso de acredores o ano pasado, pero a Xunta saíu ao rescate asumindo determinados cartos para manter o servizo.