Temor a unha cuarta vaga: vencer a tentación para afastar o virus

A pandemia frea o seu descenso na Galiza e percorre unha fase de meseta que mantén estábel a incidencia do coronavirus. Ás portas da Semana Santa, o alivio das restricións gradual que guiou o curso da terceira desescalada tamén se detén. As autoridades sanitarias acordaron non introducir cambios nas limitacións con respecto á ponte festiva de San Xosé. Pendentes de calquera alteración nos indicadores da Covid-19, chaman á prudencia ante o risco dunha repunta dos contaxios que acelere a cuarta vaga.

Galiza mantén unha situación epidemiolóxica estábel e "aceptábel" segundo recoñeceu nos últimos días Manuel Vázquez Lima, coordinador do Servizo de Urxencias do Hospital do Salnés e membro do Comité Clínico que asesora a Xunta.

Na recta final de febreiro, o Goberno galego anunciou un alivio das limitacións pola Covid-19 que nas últimas semanas foi a máis, a vista dunha evolución positiva dos principais indicadores da pandemia, agora estancada. O descenso progresivo de novos contaxios diarios a niveis do mes de agosto acompañou o bo ritmo de altas diarias e contribuíu á caída dos casos activos, que se sitúan, tamén, en cotas descoñecidas desde o verán pasado. A mellora demorouse máis nos hospitais da Galiza, onde a baixada da presión asistencial avanzou amodo e sen descensos bruscos. A caída continúa, advirten, mais tamén tende á estabilidade.

Así, o respiro que se percibe nas rúas reflíctese nas cifras que, de momento, non fan prever un cambio de tendencia que poña fin ao estancamento da pandemia. Mais o temor existe.

A explosión de contaxios tras  as festas de Nadal veu precedida dunha situación epidemiolóxica máis complicada que a actual. Peores datos de partida, máis frío, alta interacción social, encontros en interiores e a aterraxe da variante británica. Unha combinación que, en declaracións a Nós Diario, Vázquez Lima describiu como "a tormenta perfecta"

Cambio de tendencia 

A experiencia da terceira onda da pandemia está moi presente no inicio dun novo período festivo no que se estenden as chamadas á cautela, a adiar os desprazamentos innecesarios e a cumprir as normas  de prevención. A Semana Santa non vai traer máis cambios nas restricións, pero as autoridades non descartan un paso atrás nas limitacións se se consolida o cambio de tendencia que xa afecta a Europa. Alemaña, Francia, Italia ou Reino Unido afrontan un agravamento da pandemia que algúns territorios do Estado español tamén comezan a experimentar, cun incremento no número de casos e a repunta da taxa de incidencia.

A pasada segunda feira, ás portas da Semana Santa, Alemaña anunciou un endurecemento das medidas que buscaban limitar a mobilidade, o horario de recollida, as reunións sociais e o pequeno comercio. Un retroceso na desescalada que a chanceler alemá, Angela Merkel, suspendeu dous días despois tras as críticas recibidas e a imposibilidade de aplicar as novas restricións con tan pouco tempo, dixo.

Porén, a "gravidade" da situación que levou Alemaña a tomar esa decisión persiste, e responde, segundo afondou Merkel, á propagación da variante británica, que deu pé a unha nova pandemia que pon en risco o sistema sanitario e obriga a botar man do "freo de emerxencia".

Non será tan estricto pero será. Haberá contención: na mobilidade, na hostalaría, nas reunións sociais. Tamén en Francia e en Italia, onde a maior contaxiosidade da variante británica do virus elevou a transmisión mais a presión hospitalaria, o que forzou o deseño de novos modelos de confinamento en ambos os dous países.

Maior prudencia

Estas repuntas, admite o profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Juan Gestal, "fan temer o peor". O relaxamento prematuro das medidas de prevención está detrás deste xiro, engade. "O Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades advertiuno e dixo que había que ser moi prudentes. O sensato, para comezar a abrir a man, é esperar a ter unha incidencia por debaixo de 50, e aínda mellor por baixo de 25" casos por 100.000 habitantes.

A incidencia acumulada da Covid é un dos indicadores de referencia para os membros do Comité Clínico da Xunta. De prestar máis atención á incidencia acumulada a 14 días, pasaron a fixarse nos datos que ofrece a incidencia a sete e tamén a tres días. "Aí é onde se observan os primeiros indicios de repunta", explica a Nós Diario Xosé Luís Muño, médico de Atención Primaria e integrante do comité de expertos. "Cando a incidencia a sete días, multiplicada por dous, é superior á acumulada nas últimas dúas semanas entendemos que pode estar aumentando". Agora mesmo, aclara, non hai indicios de suba, "mais o descenso da incidencia a sete días é menor. Detívose. Entramos en fase de meseta ao mesmo tempo que o contorno comeza a medrar de novo, polo que en boa lóxica hai que estar moi atentos a unha posíbel cuarta vaga".

Pendentes aínda dos efectos do San Xosé, a evolución negativa comeza a estenderse e fai pensar nun cambio de tendencia, pero afirmar cando e como se vai dar na Galiza aínda é "moi prematuro", di Alberto Ruano, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. "Mais quero entender que as autoridades sanitarias e políticas por fin comprenderon que ante o primeiro indicio de suba hai que tomar medidas. Canto antes se adopten e máis duras sexan, antes se controlará a situación", advirte Ruano, quen recoñece unha situación de partida máis favorábel que a previa ao Nadal.

Desde o punto de vista epidemiolóxico e da vacinación, incide Muíño. "As persoas vulnerábeis, que son as de máis idade, están inmunizadas ou a piques de estalo. O risco de doenza grave e mortalidade redúcese". Mais esta mellora non abonda. "Hai que extremar as precaucións para evitar a transmisión que se deu no Nadal, sobre todo no ámbito familiar". 

A porcentaxe de poboación inmunizada aínda é cativa, incide Juan Gestal, que espera un avance na vacinación que protexa máis a poboación vulnerábel e dificulte o contaxio. Pero agora, di, "enriba de nós temos a ameaza das variantes, coa británica predominante na Galiza, máis transmisíbel e patoxénica". Toca pola baixo control, por iso, incide, o ideal é "achegarse á Covid Cero máis que este abrir e fechar continuo".

Prioridade, as normas

Cada vaga sinala o mesmo camiño. A relaxación das medidas e a interacción social desatan os contaxios. "A experiencia da terceira vaga foi catastrófica. Eu cheguei a ver no mesmo día 11 familiares positivos que se xuntaran o 1 e o 3 de xaneiro en distintos sitios, dos cales faleceu un, a avoa da familia", lembra Xosé Luís Muíño, quen con este exemplo salienta a importancia de medidas tan "impopulares e necesarias" como as reunións en interiores de só conviventes.

"É lamentábel que non se cumpran as normas", láiase Muíño, ao tempo que advirte que algunhas "viñeron para quedar", como o uso da máscara en interiores. Na mesma liña, Alberto Ruano pide non baixar a garda. "Hai que ser prudente. Partimos dunha situación benigna e o tempo xoga a favor". O meteorolóxico, "que vai permitir máis actividade ao aire libre", e o cronolóxico, cun aumento da vacinación de cara á inmunidade de grupo. "Mais isto non pode supor unha relaxación das medidas porque está demostrado que a incidencia aumenta". Por iso, anima a evitar os espazos interiores, a coidar o uso da máscara, tamén nas terrazas, e a manter a distancia de seguridade.