Angela Merkel recúa, anula o confinamento estrito para Semana Santa e asume a culpa

Por outra banda, o Consello Europeo debate esta quinta feira endurecer a exportación de vacinas.
faz_merkel_pascua2
photo_camera "O desastre da Pascua", na web do xornal conservador 'FAZ'. (Foto: Nós Diario)

A presidenta do Goberno de Alemaña, Angela Merkel, deu marcha atrás ao confinamento estrito de cinco días anunciado para Semana Santa despois das críticas recibidas nas últimas horas pola falla de claridade sobre os elementos chave do plan, un "erro" que asumiu a título persoal. "Este erro é meu exclusivamente", declarou aos medios en Berlín.

Apenas 24 horas despois do primeiro anuncio, tras unha reunión maratoniana, a mandataria confirmou o troco nun encontro convocado de urxencia na cuarta feira cos principais responsábeis políticos dos Estados federados. Pouco despois, compareceu ante o Bundestag, a Cámara Baixa do Parlamento

"A idea dun fechamento en Semana Santa concibiuse coa mellor das intencións, porque sen dúbida temos que reducir e reverter a terceira vaga da pandemia. Con todo, a idea foi un erro", admitiu Merkel, ao recoñecer a "incerteza" que provocou. "Pido a toda a cidadanía que me perdoe", dixo.

Neste sentido, afirmou que o plan xerara "moitas preguntas" incapaces de aclarar "en tan pouco tempo", por exemplo en relación ás horas de traballo perdidas ou á actividade de comercios e fábricas. O Goberno  federal por agora non presentou ningún plan alternativo.

As autoridades alemás pactaran que, entre o 1 e o 5 de abril, se endurecesen aínda máis as restricións previstas até o 18 de abril. Durante eses cinco días especiais, agardábase que fechasen practicamente todos os comercios.

Ademais, a viceportavoz de Merkel, Ulrike Demmer, apuntou que o Goberno estuda limitar as viaxes turísticas ao estranxeiro, despois do aumento rexistrado nas reservas de voos a habituais destinos turísticos dos alemáns.

Choque UE-AstraZeneca

Por outra banda, Bruxelas e AstraZeneca volveron chocar na cuarta feira despois de que as autoridades italianas localizasen nun almacén perto de Roma uns 29 millóns de doses da vacina desenvolvida por esta farmacéutica e a Universidade de Oxford, supostamente preparadas para ser exportadas ao Reino Unido.

Londres desvinculouse desa partida, en tanto que AstraZeneca ─tras pedirlle explicacións a Comisión─ asegurou que os 29 millóns de doses foran producidas fóra da UE e que prevía repartilas entre os Estados membros e os países menos desenvolvidos a través do programa Covax da OMS.

Neste sentido, o Consello Europeo que na quinta e sexta feiras se desenvolve debaterá a proposta da Comisión Europea de endurecer os controis sobre as exportacións de vacinas fóra da UE. 

Comentarios