E veña chover: até a sexta feira, unha nova fronte cada día

Inundacións nunha vivenda de Neda polo desbordamento do río Besteiro (Foto: Europa Press)

As predicións de Meteogalicia indican que os vindeiros días seguirán marcados polas precipitacións. Mentres, cinco ríos permanecen na Galiza baixo vixilancia por caudal elevado. O desbordamento dos ríos Besteiro e Belelle, en Neda, provoca inundacións en varias vivendas.

Agardan máis días de choiva, xornadas a sumar ás 33 que sen interrupción leva chovendo na Galiza. Algo, por outra parte, que debería ser o habitual no país e non o destes anos antriores de ausencia de chuvias. As predicións de Meteogalicia indican que esta terza feira unha fronte fría cruza Galiza de oeste a leste. Así, durante a mañá os ceos estarán cubertos con chuvias, que chegarán ao leste galego a partir do mediodía.

Conforme pase a fronte iranse abrindo claros e irá entrando o aire frío, polo que as mínimas da xornada rexistraranse ao final da tarde. O vento soprará de compoñente oeste, moderado pola mañá, con intervalos fortes no litoral e baixando de intensidade co avance do día.

Mañá, cuarta feira, a Galiza quedará durante o día nunha situación intermedia entre altas e baixas presións coa chegada dunha fronte na segunda metade do día. Será unha xornada de ceos nubrados, con chuvias pola tarde, máis probábeis canto máis ao oeste do país.

As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas seguirán sen cambios. O vento soprará de compoñente sur, frouxos en xeral no interior; moderados na costa, con intervalos fortes no litoral da Coruña.

E a quinta feira chegará unha nova fronte e deixará unha xornada de moita humidade na meede oeste da Galiza. Polo tanto, o ceo estará parcialmente cuberto con precipitacións máis persistentes na metade sur. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente e as máximas non terán cambios. O vento soprará do suroeste, forte entre Fisterra e Estaca de Bares. Para a sexta feira prevese un descenso na posibilidade de chuvias na Galiza.

Inundacións

As intensas choivas motivaron que varias vivendas da zona de Santa María, en Neda (Ferrolterra), víronse anegadas após a rotura dun muro nun dos laterais do río Besteiro, onde o Belelle tamén se desbordou.

Jorge López, un veciño desta zona, asegurou que a auga alcanzou "até un metro e medio" na súa vivenda e que perderon "absolutamente todo". Así, detallou que "tanto caudal que traía o río, rompeu un muro e canalizou directamente" a auga cara á súa casa, "rompeu o portal, cruzou a estrada xeral, saltou para a casa e foi como un tsunami de súpeto".

López afirmou que empezou a subir auga, "10 centímetros, 15, 20... e cando nos demos conta tiñamos metro e medio". Este residente en Neda detalla que a forza da auga, unha vez na vivenda, "levou todo, pratos, tenedores, vasos, electrodomésticos, neveira, conxelador... Todo o que tiña".

Baixo vixilancia

Un total de cinco ríos permanecen baixo vixilancia por risco de desbordamento debido ás precipitacións caídas nas últimas semanas que se acumulan. De feito, a Xunta da Galiza mantén activo o Plan Inungal co fin de monitorizar o nivel dos ríos posto que os caudais son elevados e poden producirse desbordamentos puntuais nos seus cursos.

Concretamente, atópanse no limiar de seguimento: Rego das Mestas (Valdoviño), Mandeo (Aranga), Castro (Cee), Dubra-Tambre (Val do Dubra), Barcala-Tambre (Negreira) e o Oitavén (Soutomaior). Neste contexto, é importante que a poboación adopte medidas de autoprotección que contribúan a garantir a súa seguridade.