Denuncian a falta de persoal nas residencias: "Preguntámonos para quen traballa a Consellaría de Política Social"

"A Xunta converteu a Inspección nun corpo inoperativo", afirman desde Vellez Digna. (Foto: Europa Press)
Vellez Digna exemplifica as "carencias" nos centros de maiores cos casos de 'Mi Casa' —do que informou 'Nós Diario'—, Ballesol ou DomusVi: "Un ancián foi derivado ao hospital días despois de ter a cadeira rota".

A asociación de usuarios e familiares de persoas ingresadas en residencias Vellez Digna vén de denunciar a "inacción" da Consellaría de Política Social ante as "carencias" que presentan moitos destes centros. "Semella estar máis preocupada de agochalas que de atallalas e sancionalas", lamentan.

Así, desde o colectivo exemplifican o caso de residencias de maiores como Ballesol, en Poio, onde, aseguran a través dun comunicado, "un home, J.V.S., sufriu unha caída o 14 de xullo e non foi derivado ao hospital até o día 20 malia queixarse de fortes dores e ser incapaz de andar". A diagnose, cadeira rota.

Isto débese, sinalan, á falta de medios humanos: "Non hai persoal que valore a situación e tome a decisión". Esta semana, afirman desde Vellez Digna, a residencia "ten previsto non ter ningunha enfermeira a ningunha hora".

E é precisamente esa falta de persoal de enfermaría a cuestión sobre a que a asociación centra as súas protestas. "Na DomusVi de Pontevedra están na mesma situación, o número de caídas que se rexistran por falla de persoal é importante e non hai enfermeiras para atendelas e tamén levaron ao hospital varios días tarde unha persoa coa cadeira rota", sosteñen.

Os centros residenciais de Aldán e Ribadumia, operados pola mesma compañía, "están igualmente baixo mínimos de persoal". "O médico vén só unha ou dúas horas ao día e non se cobren máis que unhas horas de enfermaría, a pesar de ter casos de Covid-19 en Aldán", apuntan.

A situación agrávase no verán, época de alto risco para as persoas maiores por mor das altas temperaturas, "nunhas residencias onde a deshidratación está á orde do día, así como a falla de ar acondicionado".

"A falla de persoal supón, ademais dunha ilegalidade que supón maltrato e abandono, un incumprimento de contrato coas persoas usuarias, xa que lles cobran por uns servizos que non lles dan", engaden desde Vellez Digna.

Na mesma liña, critican o papel da Consellaría, "sometida aos intereses das residencias", que, defenden, "converteu a Inspección nun corpo inoperativo e abandona aos usuarios coa mesma falta de humanidade que as propias residencias". "Preguntámonos para quen traballa [a conselleira, Fabiola García]; para os galegos non".

Así, poñen como exemplo o caso da residencia Mi Casa, en Pazos de Borbén, do que se fixo eco Nós Diario: "Segue sen persoal sanitario, con pésima alimentación e espertando os usuarios ás 5 e 6 da mañá para asealos ou dar o almorzo, rachando sistematicamente o descanso, e a Xunta segue a consentilo".