Lugo

Veciñanza de Lugo porfía na supresión do paso a nivel en Recimil e, mentres, pide un semáforo, "que custa menos que dúas vidas"

Unha protesta recente da veciñanza de Recimil e Coeo diante do paso a nivel. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A colocación dun semáforo é unha medida que demandan de forma provisional "mentres non se suprime o paso a nivel, que leva máis tempo" e que é o seu principal obxectivo após o tráxico accidente no que dous mozos perderon a vida cando un tren alcanzou o seu vehículo neste cruzamento.

A veciñanza de Recimil, parroquia do concello de Lugo, dificilmente poderá esquecer o tráxico accidente que o pasado 12 de xullo se cobrou a vida de dous mozos de 19 e 21 anos. Aquela mañá o coche no que viaxaban xunto a un terceiro compañeiro, que resultou ferido de gravidade e tivo que pasar pola UCI mais sobreviviu, foi alcanzado nun paso a nivel por un tren de Media Distancia que o esnaquizou.

O cruzamento estaba sinalizado, mais carecía de barreira e semáforo, o que motivou que o vehículo avanzase sen se decatar da chegada do convoi. E precisamente para exixir esas melloras na sinalización, que xa antes deste sinistro vían insuficiente, esta cuarta feira concentráronse diante da Subdelegación do Goberno español en Lugo veciñas e veciños das parroquias de Recimil e Coeo.

A colocación dun semáforo é, con todo, unha medida que demandan de forma provisional "mentres non se suprime o paso a nivel, que leva máis tempo", asegurou Roberto López, representante da Asociación de Veciños de Coeo. O Concello de Lugo xa se comprometeu a finais do pasado mes a achegar cartos, "se é preciso", para financiar o semáforo, e afirmou que abordaría a necesidade "dunha maior seguridade" cos máximos responsábeis de Adif e do Ministerio de Transportes.

Tamén desde o Goberno español amosaron certa receptividade ás demandas da veciñanza, pois a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, confirmou que Adif ten previsto "iniciar o proceso para licitar" a eliminación do paso a nivel de Recimil. Porén, esta cuarta feira Roberto López lamentaba que, polo de agora, descoñecen o estado no que se atopa este proceso: "Non se nos informou de nada".

Na súa protesta desta cuarta feira a veciñanza sinalou directamente o administrador ferroviario nas súas exixencias. Na pancarta despregada diante da Subdelegación podía lerse: "Adif, un semáforo custa menos que dúas vidas. Solución xa!".

A veciñanza pide xustiza

O propio Adif abriu o día seguinte ao accidente unha investigación que os veciños e veciñas esperan que permita "sentar no banco dos acusados os responsábeis", tal e como apuntaban nunha concentración recente desde o propio lugar do sinistro.

En máis dunha ocasión subliñaron que isto "víase vir desde hai moito tempo" a pesar da insistencia das administracións na "suficiencia" da sinalización actual deste paso a nivel, un dos 144 aínda presentes na rede ferroviaria da Galiza.