Xuízo do Alvia

Un veciño de Angrois: "O maquinista dixo que xa o tiñan denunciado, que non se podía circular por esa vía a esa velocidade"

Vista xeral da sala da Cidade da Cultura na que decorre o xuízo polo accidente do Alvia. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Comparecen en calidade de testemuñas no xuízo polo accidente do tren Alvia dous veciños de Angrois que socorreron o maquinista, Francisco Garzón, após o accidente.

Un dos veciños que auxiliaron o maquinista Francisco Garzón despois do accidente do tren Alvia, o 24 de xullo de 2013, lembrou esta quinta feira na súa comparecencia ante a xuíza, Elena Fernández Currás, que este admitiu "culpa" mais xa entón sinalou que iso "xa o tiñan denunciado".

Nunha breve declaración como testemuñas que durou perto de dez minutos, os dous veciños que axudaron nun primeiro momento o maquinista foron os primeiros en comparecer nesta sexta xornada do xuízo polo sinistro, no que morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas.

O primeiro deles, veciño de Angrois, fixo memoria ante as preguntas do fiscal para indicar que o primeiro que lle preguntou a Garzón é se houbera "algunha explosión", posto que el pensaba que se trataba "dun atentado".

"E dixo que non, que nada diso, que fora culpa del [...] Dixo que iso xa o tiñan denunciado, que non se podía circular por esa vía a esa velocidade", destacou a testemuña.

Neste senso, engadiu que o maquinista tamén se lamentaba por non ser el un dos falecidos e engadiu que cre que si se referiu ao daquela responsábel de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, pero que non lembra se mencionou que ía falando polo teléfono.

O segundo dos veciños, que lembrou que se trataba dun día no que empezara a chover, apuntou que só escoitou dicir a Francisco Garzón que "quería morrer" após o sucedido "e nada máis".

Pola súa parte, indicou que "nunca antes" se producira "un susto" nesa zona, a pesar de que uns trens "pasan un pouco máis rápido" e outros "máis amodo" pola curva da Grandeira de Angrois.