Un veciño de Cambados, 'cachado' a 229 km/h pola AP-9

O vehículo paralizado pola Garda Civil. (Foto: Europa Press)
Deu negativo na proba de alcolemia mais hai "indicios" de consumo de cocaína e THC.

Un veciño de Cambados (O Salnés), de 43 anos de idade, está a ser investigado por un delito contra a seguridade viaria por circular a 229 km/h na autoestrada AP-9, cando ía cara a Portugal. Ademais, foi sometido ás probas de alcolemia e drogas, dando negativo na primeira e "indiciario" na segunda, en consumo de cocaína e THC.

Segundo informou a Garda Civil nun comunicado, os feitos polos que se lle investiga ocorreron o pasado día 3, cando unha patrulla do Destacamento de Tráfico do Porriño detectou un vehículo que circulaba á altura do quilómetro 174,400 da autoestrada AP-9, sentido Portugal, ao seu paso polo termo municipal de Tui, a unha velocidade de 229 km/h, superando en 109 km/h a velocidade xenérica de 120.

Unha vez detido o vehículo, procedeuse á identificación do seu condutor, un veciño de Cambados de 43 anos de idade, que unha vez sometido ás probas de alcol e drogas, dando resultado negativo á primeira e positivo indiciario en cocaína e THC, ambas as pendentes de confirmación por laboratorio. Investígaselle por un delito contra a seguridade viaria, por exceder en máis de 80 km/h o límite permitido en vía interurbana.

De ser considerado culpábel pola Autoridade Xudicial, pode enfrontarse a pena de prisión de 3 a 6 meses, multa de 6 a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días. En todo caso, leva aparellada a privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos. As dilixencias remitiranse ao Xulgado de Garda dos de Tui.

En canto ao positivo en drogas, pendente de confirmación por laboratorio, constitúe unha infracción moi grave, o que supón unha sanción de 1.000 euros (500 euros coa redución de 50%), e unha detracción de seis puntos do permiso de condución.

Este tipo de condutas constitúe un dos principais factores de risco que concorren nos accidentes en xeral, e dos máis graves en particular, polo que son un grave problema de seguridade viaria, non só para os responsábeis senón tamén para o resto de usuarios da vía, sinala a Garda Civil no seu comunicado.

Por iso, recoméndase a importancia de adaptar a velocidade ás circunstancias e estado das vías, non superando en ningún caso os límites de velocidade estabelecidos nas mesmas.