Veciñas de Rois catalogan o patrimonio de castro Lupario para evitar a construción dunha vía de alta tensión

O castro lupario esténdese entre os municipios de Teo, Rois e Brión (Imaxe: Wikimedia).
A cidadanía tamén solicitará a Dirección Xeral de Patrimonio a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

A veciñanza de Angueira de Castro, unha parroquia do municipio de Rois, continúa traballando para evitar a construción dunha Liña de Alta Tensión (LAT) cuxo trazado cruzaría as terras onde se atopan o castro Lupario e outros bens patrimoniais. Onte deron conta da súa actividade nunha rolda de prensa na que participou a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago.

En novembro as veciñas presentaron alegacións despois de que a Dirección Xeral de Patrimonio dera luz verde á declaración de impacto ambiental do proxecto. Marcos Santos, voceiro, denuncia que recibiron numerosas trabas para acceder aos documentos presentados pola empresa impulsora, Rede Eléctrica Española. Non nos quixeron dar unha copia da documentación", engade en declaracións a Nós Diario.

Agora, a veciñanza conta cun prazo de entre dez e doce días para preparar e presentar un informe no que dea conta do patrimonio arqueolóxico da área na que se asenta o castro Lupario. Santos adianta que moitos dos bens non están recollidos por Patrimonio nin polo proxecto de Rede Eléctrica Española .

"O último estudo serio que se fixo na área é o de Fernando Castro Cuña na década dos 70. El atopou moedas e que se conservan no Museo das Peregrinacións e rexistrou varios petróglifos", conta Santos. A través da documentación souberon que en Angueira de Castro atopábase a primeira liña defensiva do castro Lupario.

O informe será entregado posteriormente á Dirección Xeral de Enerxía e mais a de Patrimonio. "A empresa tamén poderá ter acceso a el, claro, e mais presentar alegacións. Despois, quedará nas mans de Patrimonio dar marcha atrás a esa Declaración de Impacto Ambiental que nós non comprendemos", abunda Santos.

As veciñas censuran que a contorna non fose catalogada como Ben de Interese Cultural. "En 2009 Patrimonio anunciou que se incoaría o expediente, mais quedou paralizado. En 2010 Rede Eléctrica Española comezou a tramitar os permisos para a liña, e nós non comprendemos a opacidade e falta de información que hai", critica este veciño, quen aclara que non piden á empresa que anule o seu proxecto, senón protexer os bens patrimoniais afectados polo actual trazado.