Veciñas de Rois alertan sobre a liña de alta tensión proxectada sobre o conxunto do Castro Lupario

O castro lupario esténdese entre os municipios de Teo, Rois e Brión (Imaxe: Wikimedia).
As veciñas das aldeas Angueira do Castro e Sisto, pertencentes ao municipio de Rois, están a organizarse para impedir a instalación dunha Liña de Alta Tensión (LA) cuxo corredor cruza un territorio no que se atopan o castro Lupario, a carballeira de Francos, o pazo do Faramello ou un tramo do Camiño Portugués. 

A veciñanza das ldeas de Angueira do Castro e Sisto, no municipio de Rois, explica a Nós Diario que a primeira constancia que tivo do proxecto de Rede Eléctrica Española, multinacional con orixe estatal, foi en agosto de 2019. "Púxose en marcha en 2011, polo que sabemos, mais nós tivemos coñecemento cando representantes da compañía achegáronse ás aldeas para negociar as expropiacións dos terreos para a Liña de Alta Tensión", di Xavier Olite, veciño de Angueira de Castro. "Seguro que se publicou no Diario Oficial da Galiza e que estivo exposto no Concello de Rois, mais ninguén nos deu aviso", reclama Olite. A LAT transcorrería próxima a elementos patrimoniais como o castro Lupario, onde se atopan varios petróglifos, o pazo do Faramello ou a carballeira de Francos.

O DOG que anunciaba o proxecto foi publicado o 9 de agosto de 2019. No artigo detállase que a infraestrutura foi aprobada no Acordo do Consello de Ministros do 16 de outubro de 2015. Nunha resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, outórgase a Rede Eléctrica Española o permiso administrativo para a construción da LAT, declarada así mesmo "ben de interese público". A autopista eléctrica proxectada nacerá en Mazaricos e percorrerá os municipios de Outes, Negreira, Brión e Rois, rematando no de Lousame. 

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.