Veciñanza de Aranga acusa o alcalde de "vender o patrimonio natural" ás eólicas

A veciñanza de Aranga protestou contra os eólicos diante do Concello. (Fotos: Cedidas)
O colectivo 'Aire limpo nas Mariñas-Mandeo', que intentou asistir ao pleno municipal da quinta feira, di que Alberto Platas ten unha postura "obstrucionista" coa loita cidadá e tampouco implica o Goberno local para frear os proxectos que ameazan o Monte do Gato.

A Galiza semella máis unida que nunca ante o que moitos chaman “espolio” eólico. Se nos municipios con máis poboación é habitual que as mobilizacións teñan forza, nesta etapa de ducias de proxectos enerxéticos en carteira, a veciñanza dos concellos máis pequenos en número de habitantes tamén amosa que pode botar un bo pulso porque non está disposta a que as eléctricas destrúan o seu patrimonio natural.

É o caso da plataforma cidadá 'Aire limpo nas Mariñas-Mandeo' que nesta quinta feira mobilizou un colectivo de persoas para que foran protestar polo polígono eólico que ameaza o Monte do Gato, en Aranga.

Pero as consignas habituais foron a maiores porque a veciñanza acusa o alcalde, Alberto Platas, de caer no “obstrucionismo” á loita contra os aeroxeradores e, en certo modo, deixando facer as grandes compañías.

Segundo destacan, o rexedor non foi claro na súa postura en ningún momento. “Non deu un non rotundo, non deu un si rotundo”, remarcan.

Máis aló desa suposta falta de apoio á causa popular, o colectivo critica a negativa do Goberno local a presentar alegacións pola súa conta para frear a construción dos parques -nun concello no que polo horizonte xa asoman varios muíños- e tamén rexeitou “a declaración de paraxe natural para o Monte do Gato”.

A poboación considera esta situación “máis grave” malia que Platas comentou que a entidade municipal non era a axeitada para estabelecer esa consideración do lugar que se quere protexer.

Nin de forma directa nin indirecta

Porén, o que molesta máis á plataforma é que nin haxa movementos desde a Casa Consistorial nin se permita avanzar nas mellores condicións. Polo menos iso é o que entenden cando din que o rexedor é “obstrucionista” ante as demandas públicas.

No pleno desta quinta feira para falar da “proliferación dos parques” elixiu estar no primeiro andar do edificio do Concello, din, malia que a oposición e as persoas afectadas estaban un piso máis abaixo sen unha boa conexión a internet que lles permitise seguir unha sesión moi importante.

“Obstaculizar a forza da unión veciñal”

Non foi a primeira estratexia, destacan, pois denuncian que “o alcalde estivo a empregar artimañas de desgaste, xa que debido á presión veciñal, a principios de maio comprometérase a axudar para pagar os custes de asesoramento técnico e legal” da cidadanía para batallar contra os polígonos enerxéticos.

Os cartos sairían das arcas municipais, supostamente, pero non chegaron a recibilos. As respostas foron “sempre diferentes pretextos”.

No pleno, alegou que “o Concello non pode apoiar a unha plataforma que non sabe si representa a todos os veciños, malia que ese tipo de axudas si se están a conceder a outras iniciativas que interesan só a unha parte da poboación como poden ser as  subvencións a actividades deportivas ou culturais”.

Aliás, lamentan que agora se ofreza atención individual só uns días para “obstaculizar a forza da unión veciñal”. En consecuencia, entenden que o Executivo municipal “está a vender o patrimonio natural” da vila ás eólicas.