Tameiga "non achanta" ante a "campaña de acoso" da alcaldesa de Mos

Pancarta que Nidia Arévalo obrigara a retirar, unha decisión que agora anula a Xustiza (Foto: Nós Diario).
O Concello obrigara a Comunidade de Montes a retirar unha pancarta por "non ter permiso", malia estar situada nas súas propias instalacións.

O xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra vén de anular a resolución do Concello de Mos perante a que obrigaba a Comunidade de Montes de Tameiga a retirar unha pancarta reivindicativa, situada nas súas propias instalacións, na que se podía ler "Non deixes que Nidia arrase o noso monte. Defende o monte, defende a vida", en alusión ao "pelotazo urbanístico" que a rexedora, segundo as e os comuneiros, "promoveu" para construír a cidade deportiva do Real Club Celta.

"Xa intentara quitala canda as últimas eleccións municipais, levando o asunto á Xunta Electoral, que nos deu a razón. Mais en outubro de 2020 o Concello impúxonos unha sanción económica e urxiu a súa retirada alegando que fora posta sen permiso, a pesar de tratarse dun terreo da nosa propiedade", sinala a Nós Diario o presidente da Comunidade de Montes, César Lago.

Non é a primeira vez que a veciñanza de Tameiga, que se opuxo ao proxecto desde que o Celta o presentou en 2017, denuncia a "campaña de acoso" por parte da alcaldesa, mais afirma que "non achantará" ante os seus "ataques á liberdade de expresión".

"Non sabemos que pode pasar, mais estamos confiados e satisfeitos coas últimas sentenzas e mantemos a esperanza de que o proxecto non vaia adiante", di Lago

De feito, a comezos deste ano un xulgado do Porriño desestimou o recurso presentado por Nidia Arévalo contra a sentenza que absolvía un grupo de veciños e veciñas mosenses ás que a rexedora acusara de orquestrar unha campaña na súa contra de cara aos comicios de 2019.

Aliás, cómpre lembrar que o pasado xuño a Xustiza anulou a licenza dos vestiarios do complexo deportivo e obrigou o Goberno local a "revisar" a dos campos de adestramento, ao entender que se trata dun "equipamento deportivo privado" que precisaba para a súa autorización dun Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas, un procedemento que o Concello obviou.

As e os comuneiros de Tameiga confían nos tribunais para proseguir a batalla contra a cidade deportiva: "Non sabemos que pode pasar, mais estamos confiados e satisfeitos coas últimas sentenzas e mantemos a esperanza de que o proxecto non vaia adiante", di Lago.

Así mesmo, o presidente da Comunidade de Montes salienta: "O Goberno concedeu ao Celta licenzas municipais coma se se tratase dun pequeno campo de fútbol parroquial e modificou o plan de urbanismo para recualificar o uso do solo", lamenta, ao tempo que lembra que o proxecto conta con "dous informes desfavorábeis" do Ministerio de Fomento e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.