A veciñanza de Soutomaior exixe a restitución da atención pediátrica

Concentración esta sexta feira en Soutomaior (comarca de Vigo). (Foto: Nós Diario)
A localidade leva máis de un ano sen facultativa.

Centos de veciñas e veciños xuntáronse esta sexta feira ante o centro de saúde de Arcade, en Soutomaior (comarca de Vigo), nunha mobilización convocada polo BNG da localidade para exixir "solucións" á Xunta da Galiza ante a falta de persoal médico que "desde hai anos" afecta o concello. En consecuencia, alertan os convocantes, "a veciñanza ten que acudir a Pontevedra para poder ser atendida, porque a lista de agarda non baixa dos 10 días". 

Da mesma maneira, a veciñanza tamén exixiu que o centro de saúde volva contar con atención pediátrica, un servizo "ausente desde hai máis dun ano", logo de que a anterior facultativa quedara de baixa en novembro de 2022 e Sanidade "decidira non cubrir a praza". O Executivo galego optou, segundo denuncia o BNG, por "pór parches que en absoluto responden á situación que vive o noso concello". 

A veciñanza estivo acompañada da deputada do BNG na Cámara galega Montse Prado, que sinalou que “a Xunta vive instalada nunha política constante de recortes á sanidade pública que é inadmisíbel", e do alcalde da localidade, Manuel Lourenzo.

“No Goberno de Soutomaior imos estar sempre a carón da nosa veciñanza e imos traballar para que se respecten os seus dereitos e se garanta unha atención sanitaria digna e de calidade", afirmou o rexedor.

Tomiño, Moaña e Hío

Noutros puntos do país continuarán as reivindicacións por unha "sanidade pública de calidade" con concentracións que decorrerán en Tomiño (O Baixo Miño), cunha nova concentración "ruidosa" este domingo na praza de Seixo; e en Moaña (O Morrazo), que cambia as súas concentracións dos domingos ás quintas feiras logo de máis de dous anos mobilizándose todos os domingos para reclamar a mellora da atención médica da localidade e a recuperación do servizo de Urxencias.

Tamén no Hío, en Cangas (O Morrazo), hai convocada unha protesta o 19 de decembro ante o centro de saúde para exixir á Consellaría de Sanidade a reapertura do consultorio, fechado desde marzo do 2020.