Convocan unha "reunión de urxencia" en Cerceda

A veciñanza de Ordes rexeita vivir "en medio dun polígono industrial eólico"

Mapa que recolle os parques eólicos tramitados na comarca de Ordes e as súas promotoras (Infografía: Nós Diario).
A "alarma antieólica" actívase en Ordes. Fano as veciñas e veciños que tremen polo aluvión de proxectos eólicos en trámite que axexa a comarca e que, aseguran, faría "incompatíbel" o seu modo de vida, baseado fundamentalmente nas actividades do sector primario. Os muíños ficarían "ao carón das aldeas".

En xuño de 2018, o Concello de Ordes aprobou unha declaración institucional para que a comarca na súa totalidade ficara "libre de parques eólicos", un texto que contou co beneplácito de PP, Unión por Ordes e BNG, e coa única abstención do PSOE. A esta iniciativa sumáranse os rexedores de Frades, Mesía e Oroso.

Porén, tres anos despois a Xunta da Galiza está a tramitar nove novos proxectos de enerxía eólica nos municipios da comarca, aos que habería que sumar os dous que promove Greenalia a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) e que afectarían Tordoia e Trazo —Orzar e Tornado, ambos cun informe desfavorábel da Xunta por se atoparen alén das áreas estabelecidas no Plan sectorial eólico—, e o de Pedrabante, presentado pola mesma vía por Iberdrola no mesmo emprazamento. En total, 152 aeroxeradores en fase de tramitación que afectarían todos os concellos da comarca agás, polo de agora, Oroso.

Con todo, o impacto da enerxía eólica na comarca non se limita aos aeroxeradores que se prevé erguer no territorio: boa parte dos proxectos que se están a tramitar no norte do país desembocarían a enerxía xerada na subestación transformadora do Mesón do Vento (Ordes): "É un nodo de conexión interrexional porque de aquí se transporta a enerxía a Portugal ou Castela", afirma en conversa con Nós Diario a portavoz da plataforma Salvemos a Comarca de Ordes, Jessica Rey.

Para ela, "non ten sentido producir de forma masiva nunha mesma localización para distribuíla a miles de quilómetros", xa que deste modo "pérdese moito durante o traxecto". "As renovábeis son sostíbeis en si, mais este modelo non o é porque todos os prexuízos quedan para nós", lamenta.

De se aprobaren os diferentes proxectos que actualmente se atopan en trámite, a comarca ordense ficaría cercada por centos de quilómetros de liñas de alta tensión. "Imos vivir en medio dun polígono industrial. Hoxe os eólicos xa non os sitúan no alto dos montes, senón ao carón das aldeas", conclúe.

A respecto do contacto mantido coas empresas promotoras, nomeadamente Green Capital Power, censura: "Nunha reunión coa veciñanza recoñeceron que estaban a fragmentar os parques —Gasalla, Legre, Monte Inxerio e Solpor— para tramitalos a través da Xunta, e que se os proxectos eran declarados legais, daríalles igual a nosa oposición. Fronte a isto, pouco podemos falar".

Voz de alarma nas Encrobas

A veciñanza de Cerceda está chamada nesta terza feira a participar —ás 21 horas, no Campo da Feira do municipio— na reunión de urxencia convocada por Salvemos a Comarca de Ordes e SOS Encrobas, a fin de informar as persoas afectadas, tanto propietarias de terreos coma habitantes da zona, sobre o impacto que terían os eólicos proxectados.

Dous dos parques, Encrobas e Meirama, afectarían gravemente o lago restaurado após o fechamento da central térmica. "Querer construír dous parques neste lugar que volve ser un espazo natural parece unha incoherencia. Pero, máis aló do propio lago, na contorna das Encrobas hai dúas aldeas con numerosas explotacións gandeiras e agrícolas. O noso modo de vida é totalmente incompatíbel co modelo produtivo das eólicas", sinala a este xornal unha das integrantes de SOS Encrobas, Emi Candal.

O impacto destes proxectos non se limita ás liñas de alta tensión e os propios aeroxeradores, senón que a instalación dun parque eólico supón tamén a apertura de pistas e viais en emprazamentos do territorio que as promotoras "non compran, alugan". "As persoas propietarias non saben durante cantos anos van perder a utilidade deses terreos", alerta. Aliás, Candal salienta que o prezo por metro cadrado que se está a ofrecer é de 0,8 euros. "É unha contía vergoñenta que lles impide manter a súa actividade", lamenta.

"As torres e as liñas de alta tensión polas que deixa de circular enerxía quedan aí de forma permanente. O impacto nunca remata, se deixa de interesarlles ficamos cos residuos", sentencia.

Pontón denuncia en Xanceda que o boom eólico ameaza o desenvolvemento do rural

En primeiro plano, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a avogada e socia de Casa Grande de Xanceda, Victoria Armesto (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou onte as instalacións da Casa Grande de Xanceda, unha explotación agrogandeira ecolóxica e sostíbel nesta aldea do concello de Mesía, co fin de coñecer de primeira man a repercusión do "boom eólico deseñado a favor do lobby eléctrico".

"É un modelo que ameaza proxectos emblemáticos de desenvolvemento no medio rural, capaces de recuperar terras, fixar poboación e crear emprego, e todo iso de maneira sustentábel", lamentou.

Así mesmo, Pontón salientou que estes aeroxeradores, "xigantes de 200 metros de altura", xa non se proxectan nos montes "coma no pasado", senón "ao carón de núcleos de poboación, de actividades económicas e de explotacións agrogandeiras".