Ameaza de tres novos proxectos

A veciñanza de Ordes busca o apoio dos alcaldes contra os parques eólicos

Despois da publicación da proposta de instalación de tres novos parques con aeroxeradores no Rexistro Eólico de Galiza, a Coordinadora Contra a Implantación de Eólicos busca o apoio dos alcaldes da comarca de Ordes.

A Coordinadora contra a Implantación de Parques Eólicos na Comarca de Ordes continúa a súa cruzada contra os aeroxeradores nos montes da comarca. A plataforma busca agora o apoio dos alcaldes ante a alarma xerada nos últimos días logo de coñecer que no Plan Sectorial Eólico figuran tres novas solicitudes de parques eólicos para explotarMeirama –que estaría solicitado por Naturgy–; Solpor, solicitado por Capital Energy; e Legre, polo mesmo último conglomerado enerxético cuxa matriz é de Arabia Saudí, tal e como publicara en exclusiva Sermos Galiza.

 

Estes tres proxectos, advirte a coordinadora, sumaríanse aos outros dous que xa se atopan en tramitación na comarca, o de Monte Inxerio (que afectara a Lesta e a Mercurín) e o de Gasalla (en Mesía novamente). En total, denuncian, “51 muíños xigantes de 163 metros de diámetro”.

 

Na segunda feira, a coordinadora reunirase co alcalde de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo (PP); e na terza terá lugar a xuntanza do alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro (PSOE) e co de Frades, Roberto Rey Martínez (PP). Tamén queren manter conversas co alcalde de Oroso e co de Cerceda co fin de solicitarlles “total transparencia” e que desde as Administracións locais “se facilite toda a información aos veciños e veciñas con respecto aos proxectos eólicos que están enriba da mesa, unha vez que desta situación tivemos novamente coñecemento grazas a unha constante investigación”.

 

Apoio institucional

 

A entidade entende que os Concellos “teñen o deber de esixirlle á Dirección Xeral de Industria a inmediata comunicación de calquera iniciativa ou acto administrativo” e reclámalles aos plenos municipais a aprobación de mocións ou declaracións urxentes “amosando a preocupación ante o feito de que a Xunta continúa sen eliminar esta comarca do Plan Sectorial Eólico de Galiza e rexeitando estes novos parques”.

 

“De nada serve a declaración institucional aprobada na pasada primavera polos alcaldes dos concellos de Ordes, Mesía, Frades e Oroso mediante a cal se declararon estes concellos como libres de eólicos, se non se continúa a facer a presión necesaria para que a Xunta entenda que nesta comarca, declarada de especial interese agrario, a implantación de eólicos é contraria aos intereses socio económicos xerais”, informa a coordinadora nun comunicado de imprensa.

 

Feche das centrais térmicas

 

Diante do feche futuro das centrais térmicas, a coordinadora defende “unha ordenación do territorio e un debate sosegado”. Salienta non posicionarse “en contra da enerxía eólica”, senón da intención “de implantar parques en lugares non axeitados e cunha concepción enerxética pouco sustentábel que inclúe tamén grandes liñas de alta tensión para transportar e exportar a miles de quilómetros a enerxía producida, sen compartir beneficios coas poboacións afectadas e mentres o recibo da luz sube a cada paso máis”.