Milleiros de persoas protestan en Noia contra a autorización de verteduras da mina de San Finx

Manifestación na alameda de Noia contra as verteduras de San Finx, este sábado. (Foto: Plademar)
Na mobilización participaron asociacións ecoloxistas, formacións políticas e colectivos sociais.

A alameda de Noia acolleu esta mañá unha manifestación contra a autorización por parte da Xunta da reapertura da mina de San Finx, en Lousame. A mobilización, convocada polas confrarías de pescadores e pescadoras de Noia e Portosín, contou tamén coa presenza de diversos colectivos ecoloxistas, como Adega, Verdegaia ou Ecoloxistas en Acción, e partidos políticos como o BNG e o PSdeG.

Se ben a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, indicou esta sexta feira que "xamais" autorizaría as verteduras de San Finx "se non cumprisen coa lexislación", tanto as confrarías como os colectivos ecoloxistas denuncian que esta autorización suporía un golpe ecolóxico e económico para a ría de Muros e Noia, xa que a contaminación afectaría o traballo de persoas que se dedican á pesca e ao marisqueo.

Unha das entidades convocadoras, a Confraría de Noia, instou o Goberno galego,o pasado 24 de febreiro, a actuar con "cordura" e proceder a paralizar as verturas permitidas, pois provocaría o aumento dos niveis de concentración de metais pesados na ría e o seu consecuente risco medioambiental. 

Tal e como sinalan os colectivos participantes na mobilización desta mañá, o último informe técnico publicado sobre o proxecto da reapertura da mina de San Finx advirte do "absolutos fracaso da proba piloto" para o tratamento das augas procedentes da explotación. Así mesmo, evidencia que as concentracións de cadmio e cobre encóntranse "disparadas", situándose por enriba dos valores máximos permitidos para este tipo de metais pesados tóxicos.

Críticas á autorización das verteduras

Ao comezo da manifestación, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou que “unha vez máis o PP pon o interese particular dunha multinacional por riba do interese dos galegos e das galegas”. Neste sentido, Pontón demandou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que rectifique a autorización dun vertido que é unha “bomba ambiental de consecuencias desastrosas para toda unha comarca”, pois o impacto afectaría á xente que vive do mar pero tamén a todos os sectores económicos da zona que, directa ou indirectamente, dependen da preservación do ecosistema da Ría Muros-Noia, como o sector da hostalería, restauración, comercio ou turismo. A dirixente nacionalista estivo acompañada pola deputada da comarca e portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, e unha ampla representación de responsables locais e comarcais do BNG.

Nesta liña, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamou á Xunta que “paren esta loucura”, en alusión ao vertido de 900.000 metros cúbicos de residuos da mina de San Finx sobre “o maior banco marisqueiro do mundo” na ría de Muros e Noia. O responsábel socialista indicou que “estamos apoiando a Galiza porque, que lle vaia ben a Noia, supón que lle siga indo ben ao sector da extracción marítima” en todo o país, que emprega máis de 35.000 persoas de forma directa. Así, alertou do impacto do vertido sobre a produtividade dos bancos marisqueiros dos que “só nesta ría viven miles de persoas”.

Pola súa parte, o coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón, acusou o Partido Popular de “primar empresas como Sacyr e multinacionais e de non ten en conta as demandas das confrarías de pescadores e pescadoras para evitar verteduras desde a mina de San Finx á ría”. Así, concluíu que cómpre “defender as nosas rías e ter unha axenda clara e un proxecto de país que defenda os galegos e galegas”.

A ONU analizará os "incumprimentos" da Xunta

Ademais de convocar a manifestación, a Confraría de Pescadores de Noia, xunto coa Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) dirixiron esta semana un escrito conxunto ao Comité de Cumrpimento da Convención de Aarhus, un órgano da ONU, de cara á visita orginazada para o próximo 22 de marzo en Xenebra (Suíza). 

Este encontro ten como obxectivo avaliar os "incumprimentos" da Xunta da Galiza nas minas de San Finx e Varilongo, ambas propiedade da empresa australiana Pivotal Metals, así como do seu impacto medioambiental.

Ambos os colectivos galegos consideran "unha violación do Convención de Aarhus" que o proxecto mineiro non se sometera á avialización de impacto ambiental. Este tratado foi asinado polo Estado español en 1998 e "consagra os dereitos de participación pública e acceso á información e á xustiza en materia de medio ambiente", cuestión que o Goberno galego non estaría a cumprir.